Préstamo EbookVigo

Préstamo libro electrónico – EbookVigo

eBookVigo é a plataforma tecnolóxica que o Concello de Vigo pon a disposición da cidadanía para facilitar o acceso á lectura en soporte electrónico. eBookVigo permite tomar en préstamo as principais novidades editoriais en formato ebook para a súa lectura en diferentes dispositivos, entre eles tablets, smartphones, ordenadores persoais ou eReaders.

Para asociarse é necesario:

  • Estar rexistrada da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas e ter domicilio no concello de Vigo.
  • Ter polo menos 16 anos de idade.
  • Contar cun dispositivo compatible e unha conta de correo electrónico.
  • Solicitar a inscrición en eBookVigo acudindo á biblioteca municipal coa súa tarxeta de lector/a ou de forma telemática

Unha vez inscrito recibirá unha mensaxe de correo electrónico para establecer o seu contrasinal e, a partir dese instante, poderá gozar da totalidade dos servizos que ofrece eBookVigo.

>Envío solicitude de carné    >descarga formulario

Tomar en préstamo eBooks:

Poderá consultar o catálogo completo de eBookVigo no enderezo: www.ebookvigo.org

Se xa é persoa usuaria rexistrada de eBookVigo e iniciou sesión, ao pulsar o botón “tomar en préstamo” que aparece xunto aos ebooks que sexan do seu interese, estes quedarán automaticamente prestados ao seu nome e estarán á súa disposición durante un total de 21 días.

Pola contra, se o ebook do seu interese xa está prestado a outro lector/a, poderá reservalo. Cando o libro estea dispoñible para vostede, recibirá unha mensaxe de correo electrónico de eBookVigo cun enlace para activar o préstamo.

Poderá tomar en préstamo ata un máximo de dous ebooks simultaneamente e reservar o mesmo número de ebooks. Para máis información, consulte as normas de préstamo. http://ebookvigo.org/normasprestamo/

Como ler os eBooks:

Se dispón dun smartphone ou tablet dos sistemas Apple ou Android, poderá descargar a aplicación gratuíta de lectura eBookVigo e os ebooks estarán automaticamente dispoñibles na súa biblioteca, sen necesidade de transferilos.

A aplicación eBookVigo para Apple, require Apple iOS versión 4 ou superior e está dispoñible para descarga gratuíta na App Store (iTunes).

A aplicación eBookVigo para Android, require Android versión 4.0.3 ou superior e está dispoñible para descarga gratuíta en Google Play.

É posible ler os seus ebooks en préstamo directa e comodamente a través do navegador do seu ordenador persoal ou do navegador doutros dispositivos. Para iso, só é necesario iniciar sesión www.ebookvigo.org e na pestaña “Meus libros” do espazo “A miña conta” pulsar sobre o botón “Ler” que aparece xunto a cada un dos ebooks en préstamo.

Se o prefire, poderá descargar os ebooks ao seu ordenador persoal (PC ou Mac) e lelos nel a través da aplicación gratuíta Adobe Digital Editions e unha conta Adobe ID, ou ben transferilos a outros dispositivos compatibles con Adobe DRM (tablets, smartphones, eReaders, etc.) tamén a través da aplicación gratuíta Adobe Digital Editions e unha conta Adobe ID. Poderá acceder, descargar ou transferir os seus ebooks ata en seis dispositivos distintos usando a mesma conta Adobe ID.

Non obstante, ocasionalmente, e en función das condicións establecidas polas editoriais, poderán encontrarse ebooks dispoñibles exclusivamente para aplicacións de lectura (Apple ou Android) e libros dispoñibles para descarga sen protección DRM. Para máis información, consulte as normas xerais. http://ebookvigo.org/ebookvigonormasxerals/