Ao longo das últimas semanas, na nosa biblioteca tivemos o pracer de acoller cinco visitas moi especiais organizadas para persoas usuarias da asociación AFAGA, dedicada ao acompañamento de persoas con alzhéimer. Durante estes encontros, fixemos unha viaxe emocional e musical pola vida dunha figura inesquecible: Pepa Flores, máis coñecida como Marisol.
Cada sesión foi unha oportunidade para achegármonos á muller detrás do mito. A través de conversas, imaxes e fragmentos das súas películas, descubrimos a súa historia, a súa evolución artística e tamén o seu lado máis humano e comprometido. Compartimos lembranzas, emocións e moita música.
Un dos momentos máis fermosos foi cando todas as persoas participantes cantaron con entusiasmo grandes éxitos como La vida es una tómbola, Tengo el corazón contento ou La Tarara. As melodías de Marisol axudaron a conectar co pasado, a estimular a memoria e, sobre todo, a crear un espazo de encontro cálido e cheo de vida.
Agradecemos de corazón a AFAGA por contar connosco e a todas as persoas participantes por facernos partícipes dunha experiencia tan enriquecedora e emotiva. A biblioteca segue a ser un lugar para a memoria, a cultura e o afecto compartido.