O pasado venres 16 de maio, na Biblioteca Xosé Neira Vilas celebramos o Día das Letras Galegas 2025, dedicado este ano ás cantareiras, figuras fundamentais da nosa tradición oral e musical. Para renderlles homenaxe, organizamos un serán moi especial que contou coa participación do grupo de pandeireteiras de A Buxaina, unha formación recoñecida polo seu labor de recuperación e difusión do folclore galego.
Aproveitando que o tempo acompañaba, trasladamos a actividade á praza da Memoria, no patio traseiro da biblioteca, onde gozamos dunha auténtica foliada. As pandeireteiras fixeron soar as súas voces e instrumentos cun repertorio de pezas tradicionais que incluíu diferentes ritmos, da xota á muiñeira, contaxiando ao público co seu entusiasmo e enerxía.
Este serán quixo ser, ademais dunha homenaxe ás cantareiras, unha ocasión para reivindicar o papel esencial destas mulleres na transmisión da poesía oral. As cantareiras foron, e seguen a ser, gardadoras da memoria colectiva do pobo galego, transmisoras dun saber herdado que perdura grazas á tradición oral e á música popular.
Desde a biblioteca queremos agradecer ao grupo A Buxaina a súa participación e entrega, así como ao público asistente, que acudiu con entusiasmo e se deixou levar polo ritmo, mesmo animándose a bailar. Foi unha tarde inesquecible, na que a música tradicional galega foi a gran protagonista e na que poidemos compartir un momento de celebración arredor da nosa lingua e identidade.

