Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

A hora dos contos: Raquel Queizás

Decembro 11, 2020 @ 18:00 - 19:00

A hora dos contos é un proxecto de animación á lectura no que nos visitan diferentes artistas coas súas maletas cargadas de historias, co fin de fomentar entre o público máis pequeno o gusto polos libros e a lectura. Este mes de decembro visítanos Raquel Queizás con Raposadas. Raposa é moi lista, é moi curiosa. Gústalle vivir libre no monte mais tamén achegarse á aldea para ver xogar ás nenas e aos nenos e escoitar os contos que lles contan na lareira. Canta o galo, sae o sol. A raposa feliz achégase á aldea cantaruxando unha melodía. Vai visitar á galiña para que lle ensine adiviñas, vai escoitar os contos da señora Lela que vive preto da escola. Agarda polas nenas e nenos para xogar con carozos de millo, con paus e con pedras. Vaille botar unha carreira ao sapo e aprender con el traballos do campo. Xa se pon o sol, a raposa ten que marchar e para despedirse dela todos póñense a danzar. Quen danzou por aquí? Colleita de contos populares de animais de tradición oral da nosa terra, que alimentaron, alimentan e alimentarán a moitas nenas e a moitos nenos galegos. Os contos de tradición oral seleccionados están protagonizados por animais personificados que se debaten entre o uso da forza bruta e o uso da intelixencia para a resolución de conflitos. Moitos destes contos, ademais de mostrarnos as características que definen a cada animal, buscan describir e explicar unha forma de vida fomentando o respecto pola natureza. Axudan a coñecer a contorna natural e familiar que nos fai pobo a través da nosa lingua, os nosos contos, as nosas adiviñas, os nosos xogos e as nosas cancións. Prazas: Aforo limitado. Idade: A partir de 3 anos. Inscrición: A partir das 10.30 h do 1 de decembro Os interesados en participar nesta actividade poden formalizar a súa inscrición a partir das 10.30 h do 1 de decembro. A inscrición pode facerse de forma presencial na biblioteca, mandando un correo electrónico a bpneiravilas@vigo.org indicando os seus datos (nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono e correo electrónico) ou ben a través do teléfono 986 267 759. A actividade é gratuíta e as prazas cóbrense por orde de inscrición. Normas das actividades: Tomaránse as medidas sanitarias precisas seguindo as normativas vixentes -Uso obrigatorio de máscara -Uso do xel hidroalcohólico -Facer previa inscrición -Separación entre os grupos de 1,5m -Aforo limitado As persoas que non cumpran coas normas sanitarias deberán abandonar a actividade. Se as condicións metereolóxicas son adversas estas actividades poden adiarse, manténdose as inscricións.

Detalles