Encontro
Arantxa Fernández
Anisia Miranda e a nación dispersa
Terrazas de verán
Anisia Miranda e a nación dispersa
No marco do programa Terrazas de Verán acollemos un encontro con Arantxa Fernández Crespo, que nos achegou á vida e á traxectoria de Anisia Miranda, escritora, xornalista, editora e unha figura fundamental das relacións culturais entre Galicia e Cuba.
A través dun relato próximo e cheo de detalles, Arantxa Fernández permitiunos coñecer a Anisia desde a súa infancia en Cuba, filla de emigrantes galegos dedicados ao traballo no campo. Foi alí, sendo aínda nena, onde tivo a oportunidade de coñecer a Castelao, unha experiencia que quedaría ligada á súa memoria e á súa identidade galega.
Máis tarde, a familia trasladouse á Habana, onde Anisia iniciou os seus estudos. A súa vida levaríaa posteriormente a unha nova emigración, esta vez a Bos Aires, cidade na que comezou a estudar galego e entrou en contacto coa comunidade galeguista e con destacados intelectuais da emigración. Entre eles estaba Xosé Neira Vilas, con quen compartiu desde entón unha vida marcada polo compromiso coa cultura galega, o traballo e uns ideais comúns.
Xuntos puxeron en marcha a editorial Follas Novas, un proxecto fundamental para a difusión da literatura galega na emigración. Posteriormente regresaron a Cuba, onde Anisia desenvolveu unha intensa actividade educativa, cultural e editorial. O seu traballo permitiulle colaborar con importantes figuras da cultura cubana, entre elas Alejo Carpentier, e participar na creación de publicacións infantís como Bijirita e Zunzún, revista que continúa publicándose na actualidade. Neste ámbito tamén traballou con destacados ilustradores, como Juan Padrón, creador da coñecida serie Vampiros en La Habana.
En 1992, Anisia Miranda regresou a Galicia, onde continuou vinculada á cultura galega e exerceu como vicepresidenta da Fundación Xosé Neira Vilas ata o seu falecemento, en 2009.
Así era Anisia nas palabras poéticas de Pepe:
“Es daquí e dalá.
—daquela Antilla, daquel soleado corazón—.
Es palma e piñeiro,
sinsonte e rula,
gaita e bongó.
Dúas patrias que o mesmo mar abraza…”
Programación na biblioteca
Próximas sesións
Actividades de dinamización cultural que teñen a música, a literatura e a ciencia como protagonistas.
enderezo
Avda. Martínez Garrido, 21
Telefóno
986 26 77 59
bpneiravilas@vigo.org