Encontro 

César Cequeliños

Mapa Literario de Vigo: Autor con C de Cíes 

encontro con escritores

César Lorenzo Gil protagoniza unha nova xornada nas Terraza de verán

Na Terraza do pasado venres 18 tivemos o pracer de contar con César Lorenzo Gil, máis coñecido como César Cequeliños, un autor co que poidemos achegarnos a distintas vertentes do mundo do libro xa que, ademais de escritor, é tamén editor, crítico e xornalista.

Como escritor publicou, entre outras obras, “A gran novela galega” e “Sábeme a salamántiga o ceo da boca”, novela coa que recibiu o XXXV Premio Torrente Ballester en lingua galega.

Pero ademais, César Cequeliños tamén coñece moi ben o libro dende o outro lado. É editor en Aira Editorial, onde desenvolve proxectos moi diferentes, entre eles a colección da Galicia Pequeniña, dedicada a achegar ás xeracións máis novas o coñecemento do noso territorio, da nosa historia, da nosa cultura e da nosa identidade. Está tamén detrás de Biosbardia, un espazo de crítica e información literaria que leva anos observando e analizando a literatura galega contemporánea.

A conversa arredor das súas novelas deu pé a tratar temas ben interesantes, como as entrañas da industria editorial e todos os intereses que se moven detrás de determinados premios, tema central de “A gran novela galega”, unha sátira mordaz que retrata dende a ironía (e a hipérbole) os mecanismos do sitema literario galego.

Afondamos tamén no proceso creativo do autor con “Sábeme a salamántiga o ceo da boca”, na que Cequeliños transita por xéneros como o misterio, a novela de aventuras e a comedia no Vigo de 1905, unha cidade en plena efervescencia industrial, e na que se mestura ficción e realidade nunha trepidante investigación protagonizada por un xove xornalista portugués e unha veterana vidente norteamericana.

Ademáis charlamos sobre o papel que debe ter a crítica literaria, sobre a súa labor como editor en Aira, sobre a importancia da tradución ao galego… Unha interesantísima conversa, sincera e distendida, coa que gozamos todas as persoas presentes neste encontro.

Programación na biblioteca

Próximas sesións

Actividades de dinamización cultural que teñen a música, a literatura e a ciencia como protagonistas.

enderezo

Avda. Martínez Garrido, 21

 

Telefóno

986 26 77 59

MAIL

bpneiravilas@vigo.org