Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a biblioteca participou xunto coas entidades que forman parte de Social Calvario —a rede de organizacións do barrio que traballan no ámbito da inclusión social con colectivos en situación de vulnerabilidade— nun acto comunitario celebrado na Praza da Memoria.
A xornada consistiu nun encontro aberto para reivindicar a igualdade e os dereitos das mulleres, especialmente aquelas que, pola súa situación social, de saúde ou pertenza a minorías ou colectivos en risco de inclusión, sofren con frecuencia unha dobre discriminación.
A actividade central consistiu na decoración colectiva duns pratos nos que as participantes escribiron testemuños sobre experiencias de discriminación vividas no día a día. Outros pratos enchéronse de lemas, palabras reivindicativas e símbolos do 8M, converténdose nun mosaico de denuncia e empoderamento feminista. Durante o acto tamén se despregou un gran lazo morado no céspede da praza e procedeuse á lectura dun manifesto común elaborado polas entidades participantes.


Manifesto 8M. Un Só Barrio, Todas as Mulleres
As mulleres que damos vida a Social Calvario unímonos nun berro común. Non somos grupos illados, somos unha rede de veciñas, profesionais e usuarias que entendemos que a exclusión ten un compoñente de xénero que non se pode ignorar.
Saímos á rúa para poñer ne valor a vida daquelas mulleres que camiñan polas marxes: as que conviven coa enfermidade e a discapacidade, as que loitan contra a adiccións, as nenas que medran en contornos de vulnerabilidade, as maiores que resisten ao esquecemento do Alzhéimer ou do Párkinson e as mulleres de etnia xitana que sosteñen con orgullo as súas comunidades. A todas nos atravesan as mesmas dificultades: un estigma que nos sinala, unha sociedade que nos axexa e unhas barreiras sociais que parecen invisibles pero que frean cada un dos nosos pasos.
A nosa realidade diaria está marcada polo esforzo invisible. Somos as que coidan e as que precisas sen coidadas, as que buscan unha oportunidade laboral fronte ao prexuízo e as que defenden a súa dignidade en contextos de extrema precariedade. Hoxe queremos transformar ese estigma en recoñecemento. Porque non somos vítimas pasivas, somos mulleres resilientes que, malia a exclusión estrutural, seguimos tecendo o apoio mutuo que sostén este barrio.
As nosas esixencias:
- Políticas de coidado reais. Que o peso de atender a persoas maiores, menores ou con discapacidade deixe de ser unha obriga invisible das mulleres e pase a ser un compromiso público e comunitario.
- Servizos públicos sen prexuízos. Esiximos unha atención social e sanitaria libre de estigmas para as mulleres con adicións ou problemas de saúde mental, garantindo o seu dereito a unha vida digna e se xuízos.
- Igualdade de oportunidades interseccional. Programas de emprego e educación que teñen en conta a nosa diversidade cultural e as nosas capacidades diferentes, eliminando o racismo e a discriminación.
- Espazos de seguridade. Recursos de protección efectivos para as mulleres en maior risco de exclusión, que garantan a nosa integridade física e emocional en todos os ámbitos.
En Social Calvario non sobra ninguén. Hoxe berramos polas que non están, polas que non poden berrar e polas que, día tras día, demostran que a resiliencia ten nome de muller no noso barrio.
Vivas, diversas e unidas pola igualdade!
