Xurxo Mariño e Luís Sampedro voltaron á terraza da biblioteca esta vez para un encontro con público adulto. A través de pequenas anécdotas das súas viaxes como investigador, Sampedro explicounos como os animais evolucionan e se adaptan á súa contorna e como debemos preservar a natureza e coidar dela.
Luís Sampedro trouxo varias “pedras” e deixounos escoller un par delas para contarnos a súa historia.
Aínda que a simple vista parecía unha pedra escura sen máis, a primeira resultou ter unha historia marabillosa xa que se trataba dun meteorito. Así coñecemos a historia dese fragmento do corazón dunha estrela que viaxou polo espazo e polo tempo ata chegar a nós.
Tamén descubrimos a historia doutra das “pedras”, tratábase dunha ferramenta empregada hai milleiros de anos, unha pedra que foi golpeada e tallada para ter fío e empregada para cortar, raspar ou cravar.
Historias entretidas que nos levan a comprobar a importancia do coñecemento científico.