by Biblioteca Neira Vilas | Xan 23, 2026 | Contacontos, Público infantil
O venres 23 de xaneiro contamos cunha nova sesión de A hora dos contos da man de Olalla González e Marc Taeger, nunha tarde chea de historias e imaxinación. Ao longo da sesión, puidemos gozar da narración de contos tan coñecidos e queridos como Garavanciño, Chibos chibóns, O elefante que perdeu o seu ollo e Artur, que foron tomando vida grazas á palabra e ao debuxo en directo.
Mentres Olalla ía contando as historias, Marc ilustrábaas en directo, construíndo os personaxes e as escenas diante dos nosos ollos. En máis dunha ocasión contou coa axuda dos nenos e nenas asistentes, que non dubidaron en sinalar o que faltaba nos debuxos ou en propoñer detalles, facendo da actividade unha experiencia compartida e moi dinámica.
Ademais da narración, os autores compartiron cos asistentes algúns segredos do proceso creativo, tanto da escrita como da ilustración, achegando o mundo dos libros dun xeito próximo e accesible.
En definitiva, unha estupenda tarde de contos na biblioteca que agardamos repetir moi pronto!
by Biblioteca Neira Vilas | Dec 29, 2025 | Infantil, Obradoiro
Durante as vacacións de Nadal, a biblioteca converteuse nun espazo de creación e aprendizaxe grazas ao obradoiro dedicado a Castelao e ao teatro de máscaras, da man da compañía LaGriot’te. Esta compañía galego-andaluza, fundada en Londres por Nazan L. Bamio e Sandra Gade, rende homenaxe ás Griots, as persoas encargadas de manter viva a memoria, a cultura e as historias dun pobo.
O obradoiro achegou aos nenos e nenas á figura de Castelao e ao seu innovador traballo teatral, especialmente á obra Os vellos non deben de namorarse. A través dunha breve presentación inicial, descubriron quen foi Castelao, que é o teatro de máscaras e coñeceron o traballo plástico que o propio autor realizou para esta peza.
A actividade desenvolveuse en diferentes bloques. Primeiro, os participantes experimentaron coa máscara neutra, unha careta branca que, a través do xogo e do movemento, foi cobrando vida e emoción. A continuación, chegou o momento de crear as súas propias máscaras expresivas, transformando as máscaras neutras en personaxes cheos de alegría, tristura, enfado ou abraio. Finalmente, aprenderon a darlles vida mediante o corpo e o movemento, descubrindo a linguaxe propia do teatro de máscaras.
Foi un obradoiro divertido, creativo e participativo, que permitiu achegar o legado de Castelao ás novas xeracións dun xeito lúdico e inesquecible pechando así o 2025, Ano de Castelao.
by Biblioteca Neira Vilas | Dec 22, 2025 | Ilustración, Nadal
Dende a Biblioteca Xosé Neira Vilas desexámosvos 2026 boas lecturas!
Ilustración: Teresa Irisarri
by Biblioteca Neira Vilas | Dec 19, 2025 | Contacontos, Público Adulto
A biblioteca acolleu a última sesión do ano 2025 do ciclo de contacontos para persoas adultas, unha cita xa consolidada que, mes a mes, nos permitiu gozar dos mellores contadores e contadoras do panorama galego actual. Ao longo do ano, os participantes puideron achegarse a contos e historias recollidas polos propios narradores ao longo das súas traxectorias, percorrendo aldeas, vilas e recunchos de toda Galicia, mantendo viva a tradición oral.
Nesta ocasión especial, a sesión contou coa presenza de María da Pontragha, acompañada ao acordeón por Miguelón, que puxo música e emoción a unha narración chea de lembranzas e retranca. O fío condutor da velada foron as tabernas, eses espazos hoxe case en extinción que durante décadas foron lugares de encontro, conversa, amizade e refuxio. As tabernas, definidas como os paraísos dos pobres, acollían historias pequenas e grandes, risas, discusións e complicidades.
María da Pontragha lembrou como na súa parroquia chegou a haber ata seis tabernas, das que hoxe só permanece unha en pé, testemuña silenciosa doutro tempo. A sesión foi unha homenaxe a eses lugares marabillosos e ás persoas que lles deron vida, pechando o ciclo cunha noite chea de emoción, memoria e tradición compartida.
by Biblioteca Neira Vilas | Dec 12, 2025 | Contacontos, Público infantil, Sin categoría
Neste mes de decembro tivemos o pracer de contar con Paula Carballeira na nosa Hora dos Contos, que nos deleitou con historias que viñan de moi lonxe (de alá, aláaa…), pero tamén de cerquiña.
Pero para comezar, tivemos que invocar os contos e apreixalos no aire para metelos na nosa cabeza. Así, poidemos gozar da historia da pescadora de Bagdag, que foi quen de liberar un xenio dunha botella sen ser devorada polo mesmo e recibir os dons da liberdade, a súade, o mamor, a maxia, a forturna e a fartura.
Abandonamos despois terras lonxanas para coñecer a un morcego de aquí, que despois de decidir que quería voar polo día e ver a súa imaxe nun reflexada nun cristal, percatouse que que era unha criatura fea. Mais os seus irmáns da noite, o gato, o lobo e a curuxa, aprendéronlle a descubrir toda a súa beleza.
Finalmente volvimos dar un salto ata Xapón para escoitar a fermosa historia do peixe namorado da balea, que grazas á poesía logrou conquistar á súa amada.
En definitiva, unha estupenda tarde de inverno na que combatimos o frío co calor que deixaron estas fermosas historias no noso corazón.