O grupo dos xoves do club de lectura, elixiu como peche para este curso, a novela de Domingo Villar, O último barco. Para a última sesión, desde a biblioteca coordinouse unha visita á Escola de Artes e Oficios de Vigo; un dos escenarios imprescindibles na investigación da desaparición de Mónica Andrade.

Acompañados de María Jesús Cuesta, bibliotecaria da institución, coñecemos a historia da escola e contemplamos algunhas das edicións singulares que pertencen ao fondo antigo da biblioteca da EMAO.

María Jesús foi a encargada de guiarnos ata o obradoiro de cerámica no que nos esperaba, Miguel Vázquez.
Coa paixón e entusiasmo que lle caracteriza, Miguel Vázquez recreou a atmosfera que Domingo Villar describe na súa novela.

A taberna Eligio, como non podía ser doutro xeito, foi o lugar escollido para repousar e compartir impresións da xornada, seguindo os hábitos do inspector Leo Caldas.

Agradecer á Escola de Artes e Oficios, á taberna Eligio e a Miguel Vázquez por colaborar coa biblioteca no proxecto Mapa Literario de Vigo co obxectivo de amosar a importancia da nosa cidade na literatura.

*Fragmentos: O último barco, Domingo Villar