“Ni canta ni baila, pero no se la pierdan”
Persoas usuarias da Cruz Vermella viñeron á biblioteca para recordar nesta ocasión á figura de Lola Flores e coñecer máis sobre a súa vida, e o seu traballo.
No 2023 celebrouse o centenario do seu nacemento, aínda que La Faraona intentou nalgunha ocasión quitarse anos de enriba e cambiar ese último 3 por un 8, pero os arquivos devolven todo ao seu lugar.
María Dolores Flores Ruiz, coñecida como Lola Flores foi actriz, bailaora e cantante; e como tal deixounos grandes temas e interpretacións como “La Zarzamora”, “A tu vera” ou a súa canción máis icónica “¡Ay pena, penita, pena!”. Como actriz fixo 35 películas, destacando títulos como” La Faraona” de onde toma o seu alcume, “Los tres amores de Lola” ou “El balcón de la luna”, esta última protagonizada xunto a Paquita Rico e Carmen Sevilla. Ademais foi protagonista da historia da televisión, onde participou en numerosos programas, tendo incluso xunto a súa filla Lolita o programa de entrevistas e variedades “Ay Lola, Lolita, Lola”.
Nestas xornadas puidemos recordar algúns dos momentos máxicos e divertidos dos que foi protagonista, como a entrevista que lle fixo á súa gran amiga Carmen Sevilla onde lembraban o agasallo que lle fixera a Carmen Mario Moreno para facerlle as beiras, ou o momento que todos lembramos cando Lola Flores parou unha actuación para buscar un pendente que lle saíra voando coa forza do seu baile, ademáis de visionar diferentes actuacións ao longo da súa vida.