A biblioteca viviu unha noite máxica dentro do ciclo CONTOS DAKÍ, cun cheo total da sala e un público entregado. Nesta ocasión, tivemos a sorte de contar unha vez máis co narrador Dani Blanco, que nesta visita veu acompañado do músico acordeonista Zé Pumar.
“Disque cando unha bolboreta axita as súas ás en Australia, pode provocar un furacán en América. A tamén chamada teoría do caos. Mais a revolución do caos non chega cunha bolboreta: chega con Neira Vilas e as súas Memorias dun neno labrego. A partir de aí, xa non hai volta atrás”. Así é como comenza esta fermosa sesión de contos.
Nun percorrido cheo de historia, humor e música, Dani Blanco transportounos desde Bos Aires ata a caída do muro de Berlín, pasando polas barricadas de París en maio do 68, a chegada dos Tamara á sala Olympia, as teorías de Lacan, e mesmo un boxeador ruso afincado en Cangas. Todo isto acompañado da música de Brassens, que puxo a banda sonora desta viaxe irrepetible.
Unha noite de narración oral inesquecible que fixo as delicias do noso público. Moitas grazas a Dani Blanco e Zé Pumar por esta velada única!