Este venres a biblioteca encheuse de emoción coa chegada da Festa de Pixamas de Peluches! Despois dunha sesión de contos para as máis pequenas e pequenos de Entre Arrolos e Contiños, convidamos a deixar os peluches na biblioteca… pero non imaxinaban o que ía pasar!
Cando todas marcharon, comezou a festa! Os peluches non perderon tempo: leron contos ata tarde, pasearon polos andeis como se fosen exploradores e mesmo montaron un campamento entre libros. Algúns intentaron durmir nos caixóns, outros fixeron guerras de almofadas… e houbo quen pediu outra historia antes de pechar os ollos!
Durante a fin de semana, a biblioteca converteuse no seu parque de aventuras. Fixeron amizades novas, descubriron libros que cheiran a maxia e, por suposto, sacaron moitas fotos para ensinarlles ás súas crianzas o ben que o pasaron.
O luns as crianzas viñeron recoller os seus peluches. Alguns peluches tiñan sono, outros aínda levaban posto o pixama… pero todos volveron felices tras unha fin de semana que non esquecerán!
Quen sabe? Quizais os libros conten agora os segredos desta festa tola.











