Un ano máis regresamos co ciclo de contos adicado ao público infantil; para esta primeira xornada visitounos Caxoto, un dos nosos contadores habituais na biblioteca.
Nesta ocasión Caxoto presentounos Contos a pé da rúa, as historias dun barrendeiro que se coa na biblioteca pola noite para limpar e para coñecer todas as historias que se agochan nos andeis para logo poder contárnolas.
Así puidemos escoitar o conto dunha pobre velliña que estaba tan tranquila nos seus faceres domésticos cando entraron correndo na casa unha serie de personaxes berrando “Que vén o lobo”, esnaquizando a tranquilidade do seu fogar e todo o fregado.
Tamén fixemos unha viaxe pola selva atravesando prados e ríos profundos para ir “Cazar un león” sen moito éxito, por certo
O noso querido barrendeiro prometeu voltar pronto para contar novos contos e encher a biblioteca de risas e sorpresas.