A biblioteca acolleu a presentación de A nena que perdeu un zapato na lama, o novo libro de Ramón Nicolás, con ilustracións de Carlos Gallego. O acto reuniu a numeroso público e serviu como primeiro acto en Galicia para render homenaxe a Begoña Caamaño, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Na mesa acompañaron ao autor e ao ilustrador o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director de Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo. Tamén presentes estiveron a Concelleira da Área de Goberno de Patrimonio Histórico, Cultura e Igualdade, Carmela Silva, a Concelleira delegada de Igualdade, Ana Laura Iglesias e o Concelleiro delegado de Cultura, Gorka Gómez. Durante as intervencións destacouse o valor da obra, tanto pola súa achega literaria como polo coidado das ilustracións, así como a importancia de lembrar e divulgar a figura de Caamaño no ano da súa homenaxe e a historia do barrio do Calvario.

Entre o público atopábanse familiares e amizades da escritora, ademais de veciños e veciñas do Calvario que a coñeceron na infancia. A súa presenza contribuíu a crear un ambiente de proximidade e memoria compartida. A xornada combinou literatura e lembranza nun encontro que puxo en valor a figura da autora e o traballo editorial arredor desta publicación.



