Veinticuatro cuentistas de Panamá y España, con Pedro Crenes Castro
Con motivo da celebración do partido amistoso entre a selección galega de fútbol e a de Panamá no estadio de Balaídos, o escritor panameño Pedro Crenes Castro ofreceu na biblioteca a conferencia “Literatura y fútbol. Panamá vs Galicia”, na que nos chegou a “outra selección” panameña, neste caso a dalgunhas das figuras máis destacadas do panorama actual no campo do conto ou o relato breve.
O acto, que contou tamén coa presenza de Aaron Medina Aldrete, Cónsul Xeral da República de Panamá en Galicia, serviu así como presentación do libro Puente levadizo. Veinticuatro cuentistas de Panamá y España, unha antoloxía de relatos seleccionados por Enrique Jaramillo Levi e Pedro Crenes, e que as persoas asistentes puideron levar como obsequio ao finalizar o encontro.
—
Pedro Crenes Castro (Ciudad de Panamá, 1972) é columnista no diario panameño La Prensa, e colaborador habitual en varios medios literarios tanto en España como en América. Foi galardoado dúas veces co Premio Nacional de Literatura Ricardo Miró en Panamá, en 2017 na categoría de conto e en 2019 na de novela. Con varios títulos ás súas costas, a súa obra foi incluída en case unha vintena de antoloxías, tanto en América como en Europa, estando algúns dos seus contos traducidos ao francés, o italiano ou o portugués. O seu recoñecemento máis recente é o Premio Nacional de Crítica Literaria de Panamá no pasado 2023, coa obra Fragmentos para leer una literatura. Dende 2018 vive en Vigo, onde dirixe os talleres literarios e de escritura organizados por Párrafos.