O venres 23 de xaneiro contamos cunha nova sesión de A hora dos contos da man de Olalla González e Marc Taeger, nunha tarde chea de historias e imaxinación. Ao longo da sesión, puidemos gozar da narración de contos tan coñecidos e queridos como Garavanciño, Chibos chibóns, O elefante que perdeu o seu ollo e Artur, que foron tomando vida grazas á palabra e ao debuxo en directo.
Mentres Olalla ía contando as historias, Marc ilustrábaas en directo, construíndo os personaxes e as escenas diante dos nosos ollos. En máis dunha ocasión contou coa axuda dos nenos e nenas asistentes, que non dubidaron en sinalar o que faltaba nos debuxos ou en propoñer detalles, facendo da actividade unha experiencia compartida e moi dinámica.
Ademais da narración, os autores compartiron cos asistentes algúns segredos do proceso creativo, tanto da escrita como da ilustración, achegando o mundo dos libros dun xeito próximo e accesible.
En definitiva, unha estupenda tarde de contos na biblioteca que agardamos repetir moi pronto!
