Pechamos a tempada da Hora dos Contos cuns convidados de luxo, Olalla González e Marc Taeger, que nos trouxeron tres historias contadas… e ilustradas en directo!
Dende o “Elefante que perdeu o seu ollo”, co que aprendimos o importante que é manter a calma, ata “Aquiles o puntiño”, que é capaz de facer que lle medren ollos, boca, nariz, pernas ou brazos para apreixar o mundo que o rodea. Non podía faltar tampouco unha paradiña no marabilloso “Garavanciño”, todo un clásico que nunca nos cansamos de escoitar.
Ademais, entre conto e conto, Marc e Olalla contárononos como traballan para facer e ilustrar un libro, e desveláronnos os segredos que se agochan nas súas gardas!