O pasado mes de febreiro celebramos na biblioteca unha sesión moi especial da Hora dos Contos, que nesta ocasión coincidiu co Entroido. A sala encheuse de cor e alegría, con moitas nenas e nenos disfrazados que viñeron preparados para gozar dunha tarde chea de historias e diversión.
A sesión estivo a cargo de Raquel Queizás, quen nos trouxo o seu espectáculo Romería. Comezou cun conto tradicional de mouras no que Celedonio, regresando de traballar en Castela, se atopa co demo, que lle fai un misterioso encargo. A continuación, escoitamos outro relato tradicional que narra a historia dunha nai e tres fillas, e como a pequena é levada polo home do saco.
E, como en toda boa romaría, non podía faltar a festa final: rematamos bailando xuntos, convertidos en auténticos trasnos, celebrando a maxia dos contos e da tradición oral.
