A hora dos contos: Pablísimo

A hora dos contos: Pablísimo

A Hora dos Contos é unha actividade que enche a nosa biblioteca de risas e imaxinación. Nesta ocasión, o narador Pablísimo trouxo o espectáculo Cabicivai, unha sesión chea de sorpresas, onde unha bicicleta, un Kamishibai e tres caixóns fixeron que a maxia non parase.

Pablísimo presentou un espectáculo baseado na literatura infantil, mesturando contos clásicos e propios. Nesta sesión, as nenas e nenos viaxaron por todo o mundo: desde a India co tigre de Bengala, ata Portugal con Sopa de Pedra, pasando por Alemaña co conto de Hamelin.

A actividade foi moi divertida e participativa, con elementos como o tangram, o Kamishibai e até a tradición dos contos de cego. E para pechar a xornada, cantamos xuntos co Bocinómetro, creando un ambiente cheo de emoción e diversión. Sen dúbida, unha tarde chea de historias e maxia que todos e todas gozaron moito!

Programas escolares: Visitas Colexio Montecastelo e San José de la Guía

Programas escolares: Visitas Colexio Montecastelo e San José de la Guía

Recentemente tivemos dúas visitas moi interesantes na nosa biblioteca. O alumnado dos ciclos de FP de Educación Infantil do Colexio de Fomento Montecastelo e o Colexio San José de la Guía, achegouse para coñecer os recursos que poden axudalo no seu futuro profesional. Durante as visitas, falamos sobre como organizar unha biblioteca para nenas e nenos de 0 a 3 anos, tendo en conta detalles como o mobiliario adecuado, os libros e a disposición dos mesmos para favorecer a súa autosuficiencia.

Exploramos diferentes tipos de libros e materiais, como os feitos de tea, cartoné ou madeira, ideais para as primeiras idades. Tamén vimos recursos didácticos como monicreques, teatriños e libros pop-up que axudan a facer máis atractiva a lectura. A idea foi comprender como organizar unha sesión de contos e escoller os libros máis axeitados para cada etapa do crecemento.

Foi unha xornada moi didáctica e práctica, onde os e as futuras profesionais da educación infantil aprenderon moito sobre como crear un espazo de lectura estimulante e adecuado para as primeiras etapas da vida.

8M DÍA DA MULLER

8M DÍA DA MULLER

Para conmemorar o Día da Muller as entidades que formamos o colectivo Social Calvario celebramos onte no museo MARCO unha mesa redonda na que mulleres que pertencen a distintos colectivos en risco de exclusión expuxeron as diferentes realidades á que se enfrontan no seu día a día. Araceli (Párkinson Vigo), Claire (Érguete), Nora (Fundación Secretariado Xitano), Carmen (Fundación Érguete), Consuelo (Afaga) e Ana (APAMP) foron as encargadas de dar voz a mulleres que sofren moitas veces unha dobre discriminación: investigacións e tratamentos médicos que obvian o xénero das doentes e que as prexudican ao tomar sempre como referencia o doente masculino, estigmas e prexuízos sociais aos que se expoñen as mulleres xitanas, trans ou drogodependentes, a importancia do acompañamento e a sororidade ou as dificultades no acceso a algo tan básico como a comunicación no caso das persoas con parálisis cerebral, foron algúns dos aspectos sobre os que puidemos reflexionar neste interesantísimo encontro.

Para finalizar o acto, levouse a cabo unha concentración nas escaleiras do MARCO, na que se fixo a lectura do poema "Somos mujeres" de Elvira Sastre, co acompañamento á guitarra de Israel, que pechou a xornada cunha emotiva peza musical.

"Miradnos. Decidimos cambiar la dirección del puño porque nosotras no nos defendemos: nosotras luchamos."
Elvira Sastre

Contos Dakí: Bea Campos

Contos Dakí: Bea Campos

O pasado venres, a biblioteca acolleu unha nova sesión do ciclo Contos Dakí, que trouxo á nosa biblioteca á narradora Bea Campos, quen con con gran mestría compartiu co público contos cheos de humor, pero tamén cheos de profundidade e reflexión. As súas historias falaban da vida, das súas vivencias familiares e do seu pobo, ofrecendo unha mirada íntima e humana da realidade do noso tempo. As súas palabras fixeron rir, pensar e, sobre todo, conectar ao público coa tradición oral, nunha xornada de contos que mesturaban a retranca galega e os pequenos detalles da vida cotiá.

Contos Dakí segue sendo unha cita imprescindible para aqueles que desexan gozar das mellores historias e dos/as mellores contadores/as .

Non faltedes á próxima sesión na que nos visitará Quico Cadaval!

Obradoiro Rosalía de Castro: Integra

Obradoiro Rosalía de Castro: Integra

O pasado 27 de febreiro festexamos o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro) na nosa biblioteca, recibindo a visita da Fundación INTEGRA. Foi unha xornada especial, na que compartimos con este colectivo a nosa admiración pola autora galega. A actividade principal consistiu na creación dun collage con imaxes de Rosalía, que serviu para dar a coñecer a súa figura e obra, á vez que traballamos a creatividade e a expresión artística.

A Fundación INTEGRA, comprometida coa integración social e laboral das persoas con discapacidade intelectual, participou con entusiasmo nesta actividade, vivindo a experiencia de forma moi significativa.

Foi un día de celebración e aprendizaxe, no que a literatura galega uniu a persoas de diferentes realidades en torno a un obxectivo común: a integración e a cultura.