A hora dos contos: Marta Ortiz. Casa, casiña, casona. Día Internacional da Lingua Materna

A hora dos contos: Marta Ortiz. Casa, casiña, casona. Día Internacional da Lingua Materna

“Casa, casiña, casona”

Neste espectáculo coñecemos ao redor de casas grandes, diminutas, casas que caben na man, casas-zapato, casas de fío, casas-maleta a casa ao pé da pedra furada, o pozo dos desexos e a diferente animaliños...

Pum, pum!

Quen é? Quen chama á miña casa, casiña, casona?

Un sesión de contos a través da lingua galega, dos primeiros cantos, xogos, cancións de dedos, trabalinguas, arrolos, poemas… que forxan os cimentos da casa que construimos ao longo das nosas vidas.

E sobre todo aprendimos que “nesta vida hai cousas que non se compran con cartos”.

11F. DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

11F. DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O SECUESTRO DE MATILDA

O pasado venres celebramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia e a biblioteca, en colaboración coa Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, organizou un escape room cheo de misterio e divulgación científica. A actividade, dirixida tanto a adultos como a público infantil, puxo a proba o enxeño e a capacidade deductiva das persoas participantes.

A historia do escape room xiraba arredor do secuestro de Matilda, unha brillante científica a piques de recibir un importante premio polo seu traballo. Para liberala, os equipos tiveron que resolver unha serie de enigmas baseados nas contribucións de grandes mulleres da ciencia como Hedy Lamarr, pioneira nas telecomunicacións sen fíos; Dolores Norte, destacada no campo da investigación; e Ada Lovelace, considerada a primeira programadora da historia.

A actividade resultou un éxito rotundo, cunha gran participación e moita emoción ata o último momento. Ademais de fomentar o traballo en equipo e a resolución de problemas, serviunos para visibilizar o legado destas mulleres que marcaron a historia da ciencia.

Unha experiencia inesquecible que agradecemos a Escola de Enxenería de Minas e Enerxía.

Visita da Asociación Érguete á nosa Biblioteca

Visita da Asociación Érguete á nosa Biblioteca

O venres 14 de febreiro tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca ao Grupo de Autocoidados para Mulleres da Asociación Èrguete. Durante a visita, fixemos un percorrido polas instalacións e lles presentamos todos os recursos dispoñibles que poden ser do seu interese, desde libros e revistas ata servizos dixitais e actividades culturais.

Ademais, realizamos un pequeno obradoiro para achegarnos ao fascinante mundo do libro e descubrir todas as persoas que fan posible que chegue ás nosas mans: escritoras, ilustradoras, editoras, imprentas, distribuidoras e, finalmente, librarías e bibliotecas. Foi unha reflexión sobre o traballo e a paixón que hai detrás de cada exemplar que lemos.

Para poñer en práctica todo o aprendido, cada participante creou o seu propio libro. Convertéronse en escritoras, ilustradoras e editoras por un día, dando forma ás súas propias historias e deixando voar a imaxinación.

Foi unha experiencia enriquecedora, onde compartimos aprendizaxes e fomentamos o amor pola lectura e a creación.

Agradecemos á Asociación Érguete pola súa participación e esperamos volver velas pronto na biblioteca!

Contos Dakí: Dani Blanco e Zé Pumar

Contos Dakí: Dani Blanco e Zé Pumar

A biblioteca viviu unha noite máxica dentro do ciclo CONTOS DAKÍ, cun cheo total da sala e un público entregado. Nesta ocasión, tivemos a sorte de contar unha vez máis co narrador Dani Blanco, que nesta visita veu acompañado do músico acordeonista Zé Pumar.
"Disque cando unha bolboreta axita as súas ás en Australia, pode provocar un furacán en América. A tamén chamada teoría do caos. Mais a revolución do caos non chega cunha bolboreta: chega con Neira Vilas e as súas Memorias dun neno labrego. A partir de aí, xa non hai volta atrás". Así é como comenza esta fermosa sesión de contos.
Nun percorrido cheo de historia, humor e música, Dani Blanco transportounos desde Bos Aires ata a caída do muro de Berlín, pasando polas barricadas de París en maio do 68, a chegada dos Tamara á sala Olympia, as teorías de Lacan, e mesmo un boxeador ruso afincado en Cangas. Todo isto acompañado da música de Brassens, que puxo a banda sonora desta viaxe irrepetible.
Unha noite de narración oral inesquecible que fixo as delicias do noso público. Moitas grazas a Dani Blanco e Zé Pumar por esta velada única!

Os clubs de lectura visitan a Sala de Teatro Ártika

Os clubs de lectura visitan a Sala de Teatro Ártika

O pasado xoves 30 de xaneiro, os clubs de lectura da biblioteca realizaron unha visita moi especial á Sala de Teatro Ártika, un espazo escénico en Vigo. Tras a lectura de Los huerfanitos de Santiago Lorenzo, unha novela que retrata con humor as dificultades do mundo teatral, quixemos afondar na realidade dun teatro independente.

Durante a visita, tivemos a oportunidade de coñecer as entrañas do teatro: percorremos o escenario, os espazos técnicos, as oficinas, os camerinos e mesmo a cantina, descubrindo todo o que hai detrás do telón. Ademais, o equipo de Ártika explicounos como se xestiona un teatro privado: as súa fontes de financiamento, o proceso de programación e a importancia da comunicación para atraer público e manter viva a actividade cultural.

Foi unha experiencia enriquecedora que nos permitiu conectar a literatura coa realidade escénica e comprender mellor os retos do sector teatral. Agradecemos a Ártika a súa acollida e agardamos volver para gozar da maxia do teatro dende as butacas.

No mes de marzo continuaremos as actividades relacionadas coa dramaturxia en colaboración co club de lectura do MARCO, cunha Mesa sobre Teatro na que participarán destacadas personalidades do mundo da escena.

Seguimos a descubrir historias, dentro e fóra dos libros!