Entre arrolos e contiños

Entre arrolos e contiños

Nesta nova sesión de Entre arrolos e contiños, a maxia chegou á biblioteca da man de Bea e Alicia. Bea trouxo as palabras e Alicia puxo a música, acompañando cada conto co son do acordeón… e tamén cun misterioso instrumento chamado handpan, que nos sorprendeu a todas as persoas presentes.
Comezamos coa tenrura de Un gorila, de Anthony Browne, seguimos co clásico O coelliño branco, que nos fixo rir e repetir con entusiasmo, e despois viaxamos con imaxinación mentres un bebé se preparaba para saír dar un paseo… primeiro había que vestirse! Pechamos a sesión entre cancións e froitas, coa historia rimada Froitas, de Antonio Rubio, que puxo a cantar e bailar a crianzas e acompañantes.
Nesta ocasión, as crianzas viñeron moi ben acompañadas dos seus peluches que tamén participaron da actividade, e que logo quedaron na biblioteca durante uns días para vivir a súa particular Festa de pixamas de peluches.
Foi unha xornada chea de emocións, sons e contos. Agradecemos a colaboración de Bea e Alicia, así como a implicación das familias asistentes. Agardamos contar con vós nas vindeiras sesións de Entre arrolos e contiños.

Contos Dakí: Soledad Felloza

Contos Dakí: Soledad Felloza

O pasado venres 30 de maio na biblioteca gozamos dunha nova sesión do ciclo Contos Dakí, unha proposta pensada para todas aquelas persoas que gozan da palabra contada, das historias con xeito e do humor coa retranca que nos caracteriza. Nesta ocasión visitounos Soledad Felloza, quen nos fixo viaxar no tempo con relatos de mortes, batallas, consellos reais e moitas aprendizaxes.
Coincidindo co aniversario do pasamento de Juana de Arco e Fernando III de Castela, Soledad soubo mesturar historia, emoción e reflexión, deixando ao público fascinado e cun sorriso nos beizos. Rematou a sesión cun roteiro narrativo polos espazos e lembranzas que percorren a obra de Manuel María, especialmente situados en Outeiro de Rei, facendo así un peche simbólico e emocionante desta edición do ciclo.
Contos Dakí é un espazo para a diversidade de voces e miradas, onde os contadores e as contadoras nos traen relatos da tradición oral e da vida cotiá, cheos de verdade, creatividade e humanidade. Esta foi a última sesión antes do verán, mais xa estamos a traballar na próxima edición. Agardamos contar coa vosa presenza despois das vacacións para seguir compartindo contos que nos unen.

A hora dos contos. Silvia Penide. Diferentes diferenzas

A hora dos contos. Silvia Penide. Diferentes diferenzas

Nesta nova sesión de A hora dos contos, acompañounos na biblioteca Silvia Penide, que veu contar e cantar o seu libro “Diferentes diferenzas”.

Presentounos aos seus amiguiños, uns personaxes moi singulares: desde un galo mudo que mercou unha trompeta para traballar de espertador, ata un router sen WiFi que agora prefire xogar baixo a chuvia, pasando por unha tartaruga sen cuncha que non esconde a cabeza.

Unha chea de personaxes divertidos e únicos que amosaron aos máis pequenos como as diferenzas sempre suman e como cada un busca o seu propio camiño, todo ao son de cancións cheas de amor e alegría para lembrar que, todos/as xuntos/as, somos vida.

Día das Letras Galegas. Serán coas Pandeireteiras de A Buxaina

Día das Letras Galegas. Serán coas Pandeireteiras de A Buxaina

O pasado venres 16 de maio, na Biblioteca Xosé Neira Vilas celebramos o Día das Letras Galegas 2025, dedicado este ano ás cantareiras, figuras fundamentais da nosa tradición oral e musical. Para renderlles homenaxe, organizamos un serán moi especial que contou coa participación do grupo de pandeireteiras de A Buxaina, unha formación recoñecida polo seu labor de recuperación e difusión do folclore galego.

Aproveitando que o tempo acompañaba, trasladamos a actividade á praza da Memoria, no patio traseiro da biblioteca, onde gozamos dunha auténtica foliada. As pandeireteiras fixeron soar as súas voces e instrumentos cun repertorio de pezas tradicionais que incluíu diferentes ritmos, da xota á muiñeira, contaxiando ao público co seu entusiasmo e enerxía.

Este serán quixo ser, ademais dunha homenaxe ás cantareiras, unha ocasión para reivindicar o papel esencial destas mulleres na transmisión da poesía oral. As cantareiras foron, e seguen a ser, gardadoras da memoria colectiva do pobo galego, transmisoras dun saber herdado que perdura grazas á tradición oral e á música popular.

Desde a biblioteca queremos agradecer ao grupo A Buxaina a súa participación e entrega, así como ao público asistente, que acudiu con entusiasmo e se deixou levar polo ritmo, mesmo animándose a bailar. Foi unha tarde inesquecible, na que a música tradicional galega foi a gran protagonista e na que poidemos compartir un momento de celebración arredor da nosa lingua e identidade.

Celebración dos Maios xunto coas entidades de Social Calvario

Celebración dos Maios xunto coas entidades de Social Calvario

O pasado venres festexamos, xunto coas entidades sociais do Calvario, a festa dos Maios, unha tradición que seguimos a coidar con ilusión. Foi unha xornada de encontro, colaboración e festa, aberta tamén a toda a veciñanza.

Durante parte da mañá adicámonos á elaboración dos nosos maios, catro en total, cada un deles único e feito con coidado e creatividade. Utilizamos fiúncho, xesta e flores para construír estas estruturas que simbolizan a chegada da primavera e que, ademais de representar o traballo colectivo, transmiten valores de respecto polo medio ambiente e a identidade cultural.

Ao rematar a exposición dos maios, a celebración continuou coa actuación das pandeireteiras do grupo Delicias de Trasmañó, que nos agasallaron cun repertorio cheo de ritmo, tradición e alegría.

A festa dos Maios é unha oportunidade para fortalecer lazos entre entidades, veciñanza e institucións, ao tempo que poñemos en valor o noso patrimonio cultural e fomentamos a creatividade e a colaboración comunitaria.

Social Calvario somos: Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas - AFAGA Alzheimer - APAMP - ASEM Galicia - Asociación Érguete - Fundación Érguete-Integración - Asociación ARELA - DOWNVIGO - Asociación Parkinson de Vigo - CS Rivera Atienza-Xunta de Galicia - Fundación Secretariado Xitano - Igualarte - UTS Concello de Vigo