Contos Dakí: Celso Fernández Sanmartín

Contos Dakí: Celso Fernández Sanmartín


A biblioteca Neira Vilas enchéuse dos contos de Celso Sanmartín, sempre cheos de retranca e sempre contando coas nosas raíces galegas.

Nesta ocación deleitounos con contos dos seus amigos/as e compañeiros/as portugueses/as polo 25 de abril, festexando dalgún modo esta data histórica. Logo seguiu cos seus contos de animais, de lobos, e das cousas que acontecen na súa contorna, e non podía faltar os contos sobre os curas.Sempre cheo de ironía e bó facer. Sempre é un pracer contar con Celso na Biblioteca.

Coñecendo a Marisol: Afaga

Coñecendo a Marisol: Afaga

Ao longo das últimas semanas, na nosa biblioteca tivemos o pracer de acoller cinco visitas moi especiais organizadas para persoas usuarias da asociación AFAGA, dedicada ao acompañamento de persoas con alzhéimer. Durante estes encontros, fixemos unha viaxe emocional e musical pola vida dunha figura inesquecible: Pepa Flores, máis coñecida como Marisol.

Cada sesión foi unha oportunidade para achegármonos á muller detrás do mito. A través de conversas, imaxes e fragmentos das súas películas, descubrimos a súa historia, a súa evolución artística e tamén o seu lado máis humano e comprometido. Compartimos lembranzas, emocións e moita música.

Un dos momentos máis fermosos foi cando todas as persoas participantes cantaron con entusiasmo grandes éxitos como La vida es una tómbola, Tengo el corazón contento ou La Tarara. As melodías de Marisol axudaron a conectar co pasado, a estimular a memoria e, sobre todo, a crear un espazo de encontro cálido e cheo de vida.

Agradecemos de corazón a AFAGA por contar connosco e a todas as persoas participantes por facernos partícipes dunha experiencia tan enriquecedora e emotiva. A biblioteca segue a ser un lugar para a memoria, a cultura e o afecto compartido.

Día do Libro: Cantos do mar

Día do Libro: Cantos do mar

O pasado 23 de abril celebramos o Día do Libro cunha actividade moi especial arredor da obra Cantos do mar (Morgante, 2024), primeira antoloxía comentada e traducida ao galego de cantos de traballo e cancións mariñeiras anglosaxoas e francófonas dos séculos XVI ao XX.

A sesión contou coa presenza das autoras da obra, Susana Rodríguez Barcia e Bosco Gil de Gárate, quen nos ofreceron unha viaxe sonora pola historia das celeumas e outras cancións populares do mar. A través das súas intervencións, exploramos a función destas cantigas no labor colectivo, a súa dimensión poética e a súa vixencia na música actual.

A presentación incluíu interpretacións en directo de temas emblemáticos como John Kanaka ou Paddy acouga!, así como cancións de piratas, baleeiros ou marineros anónimos que cantaban para resistir o esforzo físico e a morriña. Tamén se deu voz a creacións compostas por mulleres, como Galeón pirata.

Foi unha oportunidade inmellorable para reflexionar sobre a tradición musical mariñeira e a súa importancia na nosa cultura común, nunha actividade que combinou música e historia.

Obradoiro de Papel: Bestiario animal

Obradoiro de Papel: Bestiario animal

Durante as vacacións, a nosa biblioteca acolleu unha actividade moi especial destinada ao público infantil: un obradoiro creativo da man de Electra de Pedras de Papel. Nenas, nenos e demais pequechos e pequechas participaron nunha xornada chea de imaxinación e aprendizaxe, onde puideron dar vida ás súas propias criaturas a través do modelado.

A actividade comezou cun exercicio de debuxo, no que cada participante elaborou un boceto do animal que quería crear. A partir desa idea inicial, Electra guiou o proceso para transformar eses debuxos en figuras tridimensionais, empregando papel de xornais e cinta.

Os resultados foron tan diversos como sorprendentes: apareceron cabalos elegantes, gatos curiosos, cervos soñadores, calamares simpáticos e incluso animais completamente inventados, que saíron da imaxinación sen límites dos nenos e nenas asistentes. Algunhas figuras foron tamén pequenas homenaxes aos seus libros favoritos, convertendo as páxinas en volumes con forma e cor.

Foi unha xornada chea de creatividade, expresión artística e convivencia, onde a biblioteca se encheu moita fantasía. Grazas a todas as persoas participantes e a Electra por facer da biblioteca un espazo vivo tamén nas vacacións.

A hora dos contos: Pavís Pavós

A hora dos contos: Pavís Pavós

Na última sesión de A hora dos contos, a nosa biblioteca encheuse de maxia, cantigas e moitas risas grazas á compañía Pavís Pavós, formada por Terexa e Xacobe. A actividade estivo destinada a crianzas maiores de tres anos, que gozaron dunha tarde chea de historias contadas con humor, ritmo e moita participación.

Durante a sesión, Terexa e Xacobe rifábanse con simpatía quen comezaba cada conto, empregando para iso ditos populares distintos que fixeron rir a pequenas e pequenos... e tamén ás persoas adultas acompañantes!

Entre as historias contadas destacou o conto acumulativo A casa que fixo Xan, onde cada elemento vai engadíndose ao anterior, facendo crecer a narración con enxeño. Tamén escoitamos Xan e Perillán, unha historia tradicional de dous irmáns con corcova que nos levou por camiños de misterio, medo e maxia, con bruxas que manexan os fíos do destino.

Non faltou A vella da botella, unha vella rosmona que nunca estaba conforme con nada, e para rematar, outro conto acumulativo cheo de ritmo: Carmiña, a galiña.

Grazas a Pavís Pavós por esta sesión tan especial e a todas as crianzas e familias que fixeron da biblioteca un lugar onde os contos seguen vivos.