A escritora Rosario Raro brindounos a asistencia da Biblioteca Neira Vilas á presentación en Club Faro sobre a súa última novela “Prohibida en Normandía”; como non podía ser doutro xeito, aceptamos dita invitación con gran satisfacción.
Da man de Rubén Rey, Rosario Raro profundou na apaixonante historia de Marhta Gellhorn, centrándose principalmente nun dos episodios máis importantes da súa vida, a súa audaz cobertura do Desembarco de Normandía.
Dun modo moi instructivo foi presentando aos protagonistas principais da novela, algúns con relevancia na literatura, como é o caso do seu exmarido Ernest Hemingway; que dun modo acertado deixa en segundo plano na súa novela; tamén a súa relación con Roald Dahl, piloto de combate na Royal Air Force durante a Segunda Guerra Mundial antes de converterse en escritor.
Como é habitual nas novelas de Rosario as localizacións dos seus libros teñen gran relevancia, dun modo visual acompañado das súas explicacións, transportámonos aos escenarios imprescindibles do Desembarco de Normandía, como os cantís de Shakesperare, o nome foi dado polas tropas británicas que estaban estacionadas na zona e que crían que os acantilados se asemellaban aos cantís de Dover en Inglaterra, que se mencionan na obra de William Shakespeare O Rey Lear.
Para concluír o encontro Rubén Rey preguntoulle pola súa relación coa Biblioteca Neira Vilas, e Rosario dun xeito agarimoso, explicou o vínculo coa biblioteca ao redor do Mapa Literario de Vigo; dúas das súas novelas anteriores están incluídas no proxecto. Volver a Canfranc, na que menciona á cidade de Vigo nalgunha das súas pasaxes e El cielo sobre Canfranc, onde se describen lugares como o areal do Vao, Toralla, illas Cíes, a Escola de Artes e Oficios, o Porto de Vigo…
No novo lanzamento do Mapa Literario de Vigo poderemos visualizar as paradas da escritora Rosario Raro.
- Volver a Canfranc
- El cielo sobre Canfranc
Martha Gellhorn e o Desembarco de Normandía: Unha historia de coraxe e xornalismo intrépido.
Prohibida en Normandía é unha novela moi recomendable para conmemorar 80 aniversario do Desembarco de Normandía e poñer en valor a importancia de Martha Gellhorn, que se gañou o alcume de “Os ollos de América”, a pesar das restricións impostas ás mulleres xornalistas durante a Segunda Guerra Mundial.
Moitas grazas a Rosario Raro por mostrar especial entusiasmo en formar parte do Mapa Literario de Vigo; este respaldo por parte dos escritores/as, editoriais, lectores/as… é o que nos dá enerxía para seguir traballando no proxecto. Tamén agradecer ao Club Faro, sobre todo a Isabel, pola súa amabilidade cara as persoas asistentes da Biblioteca Neira Vilas, esperamos volver participar nas magníficas charlas que organiza o Club Faro.
Máis sobre Rosario Raro:
Libros de Rosario Raro na biblioteca:
Catálogo Biblioteca Neira Vilas
Libros de Rosario Raro en GaliciaLe:
Club Faro:
https://www.farodevigo.es/club-faro
Artigos relacionados:
https://www.farodevigo.es/sociedad/2024/06/18/rosario-raro
https://www.farodevigo.es/estela/2024/06/16
Entrevista Rosario Raro – Faro de Vigo
Mapa Literario de Vigo:
https://mapaliterariodevigo.com
Fotografía: Rubén Rey e Rosario Raro. | // ALBA VILLAR – Faro de Vigo