Nesta nova sesión de Entre arrolos e contiños, a maxia chegou á biblioteca da man de Bea e Alicia. Bea trouxo as palabras e Alicia puxo a música, acompañando cada conto co son do acordeón… e tamén cun misterioso instrumento chamado handpan, que nos sorprendeu a todas as persoas presentes.
Comezamos coa tenrura de Un gorila, de Anthony Browne, seguimos co clásico O coelliño branco, que nos fixo rir e repetir con entusiasmo, e despois viaxamos con imaxinación mentres un bebé se preparaba para saír dar un paseo… primeiro había que vestirse! Pechamos a sesión entre cancións e froitas, coa historia rimada Froitas, de Antonio Rubio, que puxo a cantar e bailar a crianzas e acompañantes.
Nesta ocasión, as crianzas viñeron moi ben acompañadas dos seus peluches que tamén participaron da actividade, e que logo quedaron na biblioteca durante uns días para vivir a súa particular Festa de pixamas de peluches.
Foi unha xornada chea de emocións, sons e contos. Agradecemos a colaboración de Bea e Alicia, así como a implicación das familias asistentes. Agardamos contar con vós nas vindeiras sesións de Entre arrolos e contiños.
Entre arrolos e contiños
