Entre arrolos e contiños

Entre arrolos e contiños

O venres 20 celebramos unha nova sesión de Entre arrolos e contiños, o noso ciclo de contacontos para crianzas de 1 a 3 anos e as súas familias, que busca un achegamento aos contos, ás cancións e á palabra nun ambiente agarimoso e participativo.

Nesta ocasión, da man de Bea mergullámonos en historias tan queridas como A eiruguiña larpeira e Os Chibos chibóns, ademais de dous contos rimados moi divertidos: Limón e Froitas. Mentres, Alicia acompañou os contos con música en directo, empregando instrumentos como o acordeón diatónico e o hang drum, creando unha atmosfera chea de ritmo e emoción.

Ahora dos contos: ROMARÍA

Ahora dos contos: ROMARÍA

O pasado mes de febreiro celebramos na biblioteca unha sesión moi especial da Hora dos Contos, que nesta ocasión coincidiu co Entroido. A sala encheuse de cor e alegría, con moitas nenas e nenos disfrazados que viñeron preparados para gozar dunha tarde chea de historias e diversión.

A sesión estivo a cargo de Raquel Queizás, quen nos trouxo o seu espectáculo Romería. Comezou cun conto tradicional de mouras no que Celedonio, regresando de traballar en Castela, se atopa co demo, que lle fai un misterioso encargo. A continuación, escoitamos outro relato tradicional que narra a historia dunha nai e tres fillas, e como a pequena é levada polo home do saco.

E, como en toda boa romaría, non podía faltar a festa final: rematamos bailando xuntos, convertidos en auténticos trasnos, celebrando a maxia dos contos e da tradición oral.

A nena que perdeu un zapato na lama

A nena que perdeu un zapato na lama

A biblioteca acolleu a presentación de A nena que perdeu un zapato na lama, o novo libro de Ramón Nicolás, con ilustracións de Carlos Gallego. O acto reuniu a numeroso público e serviu como primeiro acto en Galicia para render homenaxe a Begoña Caamaño, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Na mesa acompañaron ao autor e ao ilustrador o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director de Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo. Tamén presentes estiveron a Concelleira da Área de Goberno de Patrimonio Histórico, Cultura e Igualdade, Carmela Silva, a Concelleira delegada de Igualdade, Ana Laura Iglesias e o Concelleiro delegado de Cultura, Gorka Gómez. Durante as intervencións destacouse o valor da obra, tanto pola súa achega literaria como polo coidado das ilustracións, así como a importancia de lembrar e divulgar a figura de Caamaño no ano da súa homenaxe e a historia do barrio do Calvario.

Entre o público atopábanse familiares e amizades da escritora, ademais de veciños e veciñas do Calvario que a coñeceron na infancia. A súa presenza contribuíu a crear un ambiente de proximidade e memoria compartida. A xornada combinou literatura e lembranza nun encontro que puxo en valor a figura da autora e o traballo editorial arredor desta publicación.

Coñece o teu solo pélvico

Coñece o teu solo pélvico

Para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia organizamos, en colaboración coa Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, unha charla coa Dra. Iria Da Cuña Carrera.

O solo pélvico é un conxunto de músculos que se atopa na nosa cavidade abdómino-lumbopélvica e que ten importantes relacións con outras estruturas anatómicas. O solo pélvico ten implicacións en numerosos procesos fisiolóxicos que moitas veces nos custa recoñecer. As disfuncións do solo pélvico adoitan estar invisibilizadas e seguen sendo un tabú á hora de acudir á consulta sanitaria.
O obxectivo desta charla de divulgación científica foi dar a coñecer a morfoloxía e a anatomía desta musculatura, así como desmitificar crenzas incorrectas sobre a nosa saúde esfinteriana, reprodutora e sexual.

Queremos agradecer a Dra. Iria Da Cuña Carrera, por compartir os seus coñecementos sobre o solo pelviano.

CONTOS DAKÍ. Caxoto e os seus contos desvergoñados

CONTOS DAKÍ. Caxoto e os seus contos desvergoñados

A biblioteca acolleu a primeira sesión de Contos Dakí de 2026 cunha proposta tan divertida como irreverente da man de Caxoto, que presentou Don Carnal: Contos desvergoñados, unha escolma de historias cun ton picante e provocador, perfecta para ir quentando motores de cara aos días do Entroido.

Ao longo da sesión, Caxoto fixo gozar ao público cunha historia protagonizada por unha princesa pouco convencional, amante dos praceres da vida e nada preocupada polo que se esperaba dela: atopar marido. Lonxe de aceptar pretendentes por obriga, a princesa decide poñelos a proba, ata dar co verdadeiro amor entre retos e situacións cheas de humor e retranca.

O narrador tamén compartiu contos da súa propia familia, con especial protagonismo dunha avoa de moito coidado, e lembrou como nas romarías de antes a rapazada buscaba o amor a través das cantigas, facendo as veiras e deixando que a música e a palabra fixesen o seu traballo.

Para pechar a sesión, Caxoto sorprendeu coa historia do Padre Claret, confesor de Isabel II, e as súas peculiares peripecias para seguir á raíña nas súas viaxes.