CONTOS DAKÍ. MARÍA DA PONTRAGHA e MIGUELÓN PAZ

CONTOS DAKÍ. MARÍA DA PONTRAGHA e MIGUELÓN PAZ

Nesta primaveral sesión de Contos Dakí, María da Pontragha, acompañada polo acordeón de Miguelón Paz, tróuxonos unha chea de novas historias que nos recordaron a importancia de saber de onde es, e que nos axudaron a coñecer tamén como é a xente dalí da Pontragha, ao parecer un tanto dada á esaxeración… Entre contos e cantigas fomos recordando como era a vida de antes e como é a de agora nas aldeas e os cambios que trouxeron avances como as estradas… ou mesmo as carretillas.

Quedamos coma sempre con ganas de máis, e coa marabillosa voz de María resoando na nosa cabeza: "É tan lida a miña terrra, esa aldea pequeniña…"

Obradoiro Rosalía de Castro: Fundación Juan Soñador

Obradoiro Rosalía de Castro: Fundación Juan Soñador

Esta semana visitounos un grupo de mulleres migrantes da Fundación Juan Soñador para coñecer a nosa biblioteca.

Nesta visita puideron coñecer os recursos e servizos que a biblioteca ofrece e que lles pode ser útiles no seu día a día como o servizo de informática ou o programa Bibliolabora así como o préstamo de libros e as actividades que realizamos dentro da nosa programación.

Tamén puideron achegarse á figura de Rosalía de Castro e coñecer un pouco da súa vida e da súa obra, e porque é un referente dentro da cultura galega e por estar tan presente no noso imaxinario colectivo.

Para finalizar a visita fixemos un obradoiro onde cada unha realizaba un collage coa imaxe de Rosalía de punto de partida.

Ao remate da actividade, recolleron o seu novo carné da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Día da Poesía: Pablo Vila, O soño e o Eco

Día da Poesía: Pablo Vila, O soño e o Eco

A mistura da poesía e da música fixo un ambiente máxico cheo de palabras e boa música. Os poemas de Quevedo, Bécquer, Rosalía de Castro, Antonio Machado, Unamuno, García Lorca… encheron de maxestuosidade, elegancia, emoción e o bo saber de Pablo Vila, que puso a voz e a música para celebrar o día de Poesía na biblioteca. Máis poesía, máis vida!!

A hora dos contos: Juan Juste

A hora dos contos: Juan Juste

“Extra Terrestre”

Juan Juste ofreceunos unha montaxe de teatro de papel pop-up e marionetas, tamén de papel, na que nos contou a historia dun extraterrestre moi peculiar, que viaxa por varios planetas e coñece moitos outros alieníxenas moi diferentes, pero cos que descubrirá que ten algo en común.

Montaxe moi colorido e divertido, “Extra Terrestre” é unha historia con mensaxes e ensinanzas sobre a amizade, a tolerancia, o respecto, a igualdade e a xenerosidade.

O 8 de marzo as entidades de Social Calvario unímonos para festexar xuntas o Día Internacional da Muller

O 8 de marzo as entidades de Social Calvario unímonos para festexar xuntas o Día Internacional da Muller

Social Calvario está conformada polas entidades de carácter social do barrio do Calvario: CMSS Rivera Atienza, Asociación Érguete, Fundación Érguete - Integración, Fundación Secretariado Xitano, Afaga Alzheimer, Asociación Arela, Down Vigo, Centro Social Rivera Atienza, Igualarte, ASEM Galicia, Asociación Parkinson Vigo, APAMP e Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas.

Neste acto participaron tamén o IES Castelao, a Fundación Juan Soñador, o Centro de día Parque de Castrelos e a Escola Oficial de Idiomas, á que agradecemos a cesión do espazo para celebrar o acto.

Baixo o lema "Libres, fortes e unidas por ti e por todas" realizamos un mural colectivo no que as persoas participantes puideron deixar plasmadas as súas reivindicacións relacionadas con este día, mentres o coro da Asociación Parkinson de Vigo interpretaba pezas como "Negra Sombra" de Rosalía de Castro, "Lela" de Castelao ou "Gracias a la vida", de Violeta Parra.

Finalizamos o acto coa lectura dun manifesto, no que cada entidade aportou a súa visión sobre a situación das mulleres na nosa sociedade, resaltando a dobre discriminación que sofren moitas delas por pertencer a algúns dos colectivos que conforman Social Calvario: mulleres con discapacidade, mulleres maiores, mulleres xitanas, mulleres con poucos recursos… Tamén a biblioteca destacou o papel que servizos como os que ofertamos poden facer en favor da igualdade:

"No Día Internacional da Muller, e todos os días, as bibliotecas unímonos á causa feminista e celebramos a forza e avances conseguidos polas mulleres, mais sabemos que aínda queda moito camiño por percorrer na loita pola igualdade. Por iso, as bibliotecas podemos e debemos xogar un papel activo na ruptura de fendas e desigualdades, contribuíndo ao empoderamento das mulleres a través dos nosos recursos, coleccións e programas de formación ou ocio, no marco de espazos seguros e abertos a todas. Así, o acceso á información, á formación e á cultura fainos libres e fortes nun lugar de encontro como a biblioteca, que fomenta a creación de lazos e redes de colaboración. Porque Libres, Fortes e Unidas podemos conseguilo."