Novembro é o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, así que o pasado 29, a Neira Vilas acolleu un obradoiro moi especial en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e a súa Unidade de Cultura Científica. A través dunha presentación dinámica, descubrimos o sorprendente universo das microalgas mariñas: seres microscópicos, invisibles a simple vista, pero fundamentais para a vida nos mares e océanos.
Aprendemos como estas pequenas algas alimentan a gran maioría dos ecosistemas mariños e mesmo poden crear espectaculares “mareas de cores” cando a súa concentración aumenta, dando lugar, por exemplo, ás coñecidas mareas vermellas. Tamén coñecemos algunhas especies que producen toxinas e que poden afectar ao marisqueo na nosa contorna.
A actividade combinou imaxes proxectadas, explicacións adaptadas ao público familiar e unha pequena colección de modelos 3D traídos polo equipo investigador, que nos permitiron observar e tocar as microalgas a grande escala. Para rematar, cada participante elaborou un móbil decorativo coas distintas especies descubertas, levando consigo un anaco deste fascinante mundo microscópico.
Unha experiencia divertida, sensorial e divulgativa para achegarnos á ciencia dun modo sinxelo e inspirador.
Vigo, preséntase a miúdo como motor industrial e pesqueiro, unha urbe moderna e vibrante que mira ao Atlántico. Con todo, detrás dos seus estaleiros, as súas costas empinadas e o bulicio de O Berbés, escóndese unha rica xeografía literaria tecida con fíos, neste caso con liñas, de ficción, mito e memoria.
Avelino González a través dos seus contos trazou un percorrido utilizando O Mapa Literario de Vigo, no que comezamos chegando a Vigo nun cruceiro á estación marítima, Liña 8, saltamos á Liña 2, descubrindo que o farol da praza da Constitución, foi a primeira iluminación pública da cidade no ano 1896. Na Liña 3, recordarmos o histórico Café Derby, chamado oficialmente, Café Imperial durante un período do franquismo, aínda que popularmente moitos/as vigueses/as seguiron chamándoo polo seu nome orixinal. Saltamos á Liña 5, trazando un itinerario polo patrimonio industrial conserveiro; retornamos o camiño, desde Coruxo, ata Cabo Estai. Deixamos atrás o rumor da escuma do mar, para conectar coa noite viguesa, do singular barrio de Churruca, situado na Liña 6. Para terminar, realizamos un transbordo coa Liña 9, ata o cemiterio de Pereiro, no tranvía conducido por Pepiño Liortas.
Seguindo o percorrido elixido por Avelino, recomendamos o seguinte transbordo literario, no que poderemos recrearnos nas mesmas localizacións, pero neste caso, a través de 6 novelas incluídas no Mapa Literario de Vigo.
Un pouco máis arriba, o Concello, entre a praza da Constitución e a recolecta praza da Princesa, onde, en tempos, ían as mulleres buscar auga á fonte, e hoxe é refuxio de pombas, xubilados, mendigas [...]
E, con todo, hoxe paréceme unha parvada que me deixase engaiolar por aquel ambiente intelectual que se respiraba nas tertulias do Derby (e non había moitas mulleres que se atrevesen a entrar alí).
El 5 de noviembre, el galeón apresado de Nuestra Señora de los Remedios y San Francisco Javier permanecía fondeado en Cabo Estay, un poco más allá de Coruxo y cerca del final de la ría de Vigo.
Ela —volve repasar os papeis—, si, aquí está: Nayra Sanromán, denunciou que lle roubaran o móbil na cervexaría Miguel, un bar de Canido. E el, Roberto Rial, tres cuartos do mesmo: denuncia esa mesma noite o roubo nun dos pubs da rúa Churruca.
E ti, adiante. Así ten que ser. Un home non é unha ovella. Perdiches o coche de liña, cargaches coa maleta que pouco leva e pouco pesa, puxeches pés ó camiño, e xa estás no Empalme. Sabes que non podes recuar. Mañá sae o barco de Vigo e tes que entrar nel nas horas que che dixo o da axencia, ou quedas fóra.
—A ningún home, non ves que xa ía friame. Está no depósito do cemiterio de Pereiró, pero mellor non pases por alí. Os axentes de garda son dos que te liscan antes de lles dares as boas noites.
A pasada semana celebramos na biblioteca unha nova sesión de A hora dos contos, o noso proxecto de animación á lectura no que diferentes artistas nos visitan coas súas maletas cheas de historias para fomentar entre o público máis pequeno o gusto polos libros e pola lectura. Nesta ocasión contamos coa presenza de Marta Ortiz, que nos agasallou co seu entrañable espectáculo Canta, Buguina, canta.
A sesión comezou aprendendo distintos tipos de aplausos, un xogo que nos axudou a crear ambiente e preparar o ánimo para a viaxe que estaba a piques de comezar. De seguida apareceu Buguina, a protagonista desta aventura, que nos convidou a soprar ben forte para iniciar unha travesía polo mar. A bordo dun barquiño de pau chegamos a unha illa chea de vida, onde coñecemos caracois, galiñas poñedoras, vacas e outros animais que nos fixeron rir e participar activamente.
Continuamos a historia coa aparición dunha vella e dun vello que traballaban na súa viña, situada detrás da casiña, ao pé dunha pedra moi especial. Esa pedra recibía visitas de todo tipo: desde unha cabra lambona que comía a piña ata un pequeno lume traveso que tiña moito que contar.
Entre cancións para durmir, xogos coa marea, risas e movemento, tamén fixemos barquiños de papel para seguir viaxando coa imaxinación. Na despedida achegáronse a nós unha medusa danzarina e un simpático cangrexo ermitán, poñendo o broche final a unha tarde máxica.
Canta, Buguina, canta foi unha experiencia doce e chea de poesía, perfecta para a primeira infancia e para seguir sementando o amor pola lectura. Esperamos repetir moi pronto!
Nesta nova sesisón de Arrolos Bea e Ali contaron, cantaron e tocaron tres contos: comezaron con Un gorila, para contar entre todos ata dez cos primates do mundo; seguidamente o clásico Riciños de Ouro e a súa trastada na casa do oso grande, do oso mediano e do oso pequeno; e, para rematar, puxeron a bailar a crianzas e acompañantes ao ritmo das froitas, unha moi rica merenda. Ao finalizar a sesión foron achegándose, con moita curiosidade a probar os instrumentos que trouxo Ali, un handpan e un acordeón.
O alcalde Abel Caballero presentou este martes na Biblioteca Neiras Vilas de Vigo a versión actualizada do “Mapa literario. Vigo cidade literaria” que recolle os lugares da cidade creadas polos escritores /as. Será presentada no XII Congreso de Bibliotecas Públicas que se celebrará en Granada do 5 ao 7 de novembro.
Grazas a todos/as pola colaboración neste proxecto de recuperación de memoria colectiva da nosa cidade.