Contos Dakí: Yoshi Hioki

Contos Dakí: Yoshi Hioki

O pasado venres demos comezo ao novo ciclo Contos Dakí na biblioteca cunha viaxe moi especial da man do narrador xaponés Yoshi Hioki e o seu espectáculo “Contos do Pacífico”.

A sesión comezou co evocador relato de como Maui Ataranga estornudou e as estrelas caeron ao mar, transformándose en illas cheas de cores, vida e historias. A partir desa imaxe poética, Yoshi guiounos nun percorrido polos mitos e lendas de lugares tan afastados e fascinantes como Tonga, Timor Oriental, Vanuatu ou as illas de Okinawa.

Coa súa voz pausada e chea de matices, acompañada por xestos delicados e unha posta en escena sinxela pero envolvente, Yoshi soubo transportar ao público a esas terras do Pacífico onde o vento e o mar tamén contan historias. O público asistente seguiu con atención cada palabra, mergullándose nun universo de tradición oral e sabedoría ancestral.

Día das Escritoras 2025

Día das Escritoras 2025

Con esta actividade queremos recoñecer o talento, a creatividade e a diversidade das mulleres escritoras, e continuar contribuíndo á súa visibilidade e á igualdade no ámbito literario.

O pasado 13 de outubro celebramos na nosa biblioteca a X edición do Día das Escritoras, baixo o lema «1975: ¡Escribid, compañeiras!», que rinde tributo ás escritoras que hai cincuenta anos abriron camiños nun contexto de transición política e reivindicación feminista.

Durante toda a xornada, todas as persoas que levaron en préstamo un libro escrito por unha muller recibiron un pequeno agasallo: unha flor acompañada dunha etiqueta que levaba o lema deste ano e unha cita literaria dunha autora sinalada. Foi un xesto simbólico que fai visible a unión entre a literatura feminina e a conmemoración histórica que inspira esta edición.

Ademais, durante todo o mes de outubro mantivemos activa a nosa mostra bibliográfica dedicada ás escritoras, con libros de diferentes épocas e xéneros, dispoñibles para consulta en sala ou préstamo. Esta selección convidaba a reflexionar sobre a evolución da voz feminina na literatura e sobre a relevancia dun ano clave como 1975 para tantas autoras que desafiaron os límites da súa época.

Con esta celebración, quixemos poñer en valor non só o talento e a diversidade das mulleres escritoras, senón tamén a memoria e o horizonte que inspiraron. Ao lembrar 1975 e animar a «escribir compañeiras», reclamamos que a escritura das mulleres sexa recoñecida como parte esencial da cultura.

A hora dos contos volve coa sesión “Unha de piratas!!” de Caxoto

A hora dos contos volve coa sesión “Unha de piratas!!” de Caxoto

O pasado venres celebramos na biblioteca a primeira sesión do ciclo “A hora dos contos”, unha das actividades máis queridas polo noso público infantil e familiar. Para abrir esta nova tempada contamos coa presenza do contacontos Caxoto, que nos trouxo a súa divertida e emocionante proposta titulada “Unha de piratas!!”.

Nesta ocasión, Caxoto mergullounos nunha historia chea de imaxinación, humor e aventuras, protagonizada por Laura e o seu irmán Xabi. Todo comeza cun xogo familiar que, case sen decatarse, se transforma nunha apaixoante viaxe pirata. Entre mapas misteriosos, pistas secretas e tesouros agochados, o público acompañou aos protagonistas nunha travesía chea de emocións e descubertas. O desenlace sorprendente fixo rir e emocionar a todos, deixando unha mensaxe chea de tenrura e aprendizaxe sobre o valor da empatía e da fantasía.

A biblioteca encheuse de familias, risas e ilusión, creando un ambiente cálido e participativo no que os nenos e nenas puideron gozar do poder das historias e da maxia da oralidade.

Con esta primeira cita damos comezo a unha nova edición de “A hora dos contos”, un espazo pensado para fomentar o gusto pola lectura, a escoita activa e a imaxinación dende as idades máis temperás.

A linguaxe e a repetición: unha fascinante charla con David Tizón

A linguaxe e a repetición: unha fascinante charla con David Tizón

A nosa biblioteca acolleu esta semana unha interesante charla impartida por David Tizón, profesor titular da Área de Filoloxía Inglesa do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo. A actividade enmárcase dentro do programa G-Night 2025 – Noite Europea das Persoas Investigadoras, unha iniciativa que busca achegar a ciencia á cidadanía e poñer en valor o traballo do persoal investigador das universidades galegas.

Nesta sesión, o profesor Tizón convidounos a descubrir como inflúe a repetición e o uso frecuente dalgunhas expresións na aprendizaxe dunha primeira ou segunda lingua. Compartiu as conclusións de dous estudos realizados no Instituto da Lingua da Universidade de Vigo, centrados en analizar como as persoas galegas que aprenden inglés procesan e predín as expresións habituais da lingua.

Os resultados amosan que os aprendices galegos son capaces de anticipar os elementos dunha expresión frecuente, mais non empregan todas as pistas predictivas que utilizan os falantes nativos. Unha reflexión moi interesante sobre as diferenzas cognitivas entre aprender e dominar unha lingua.

A charla resultou amena, reveladora e participativa, combinando teoría, exemplos e debate co público asistente. Desde a biblioteca queremos agradecer a Universidade de Vigo e a David Tizón e a súa dispoñibilidade e entusiasmo, e tamén a todas as persoas que se achegaron a participar nesta actividade da G-Night 2025.

Encontro con María Xosé Porteiro

Encontro con María Xosé Porteiro

O pasado 11 de setembro tivemos o pracer de recibir na biblioteca a María Xosé Porteiro, dentro do programa das Terrazas de Verán, onde puidemos charlar distendidamente coa autora sobre algunhas das súas obras máis importantes, como Covardes, Sándalo e As benfaladas.

Neste encontro coñecimos de primeira man que historias hai detrás das súas novelas, nas que mestura realidade (mesmo a súa propia biografía) e ficción. Ademais, afondamos nos temas que se tratan nas súas obras, que pese ao paso do tempo, seguen estando moi presentes: a prostitución e a trata de mulleres, que Porteiro aborda con valentía en Covardes; ou o papel da emigración galega en Cuba e as conexións históricas e culturais entre Galicia e América, centrais en Sándalo. Finalmente, partindo do ensaio As benfaladas, reflexionamos sobre o uso sexista da linguaxe (e o que iso implica) e o dereito das mulleres a ter voz propia e visibilidade pública.

En resumo, un encontro moi agradable, no que nos sentimos máis próximos á autora e o seu pensamento, e no que recordamos que a literatura pode servir para iluminar, cuestionar e transformar.