O SECUESTRO DE MATILDA
O pasado venres celebramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia e a biblioteca, en colaboración coa Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, organizou un escape room cheo de misterio e divulgación científica. A actividade, dirixida tanto a adultos como a público infantil, puxo a proba o enxeño e a capacidade deductiva das persoas participantes.
A historia do escape room xiraba arredor do secuestro de Matilda, unha brillante científica a piques de recibir un importante premio polo seu traballo. Para liberala, os equipos tiveron que resolver unha serie de enigmas baseados nas contribucións de grandes mulleres da ciencia como Hedy Lamarr, pioneira nas telecomunicacións sen fíos; Dolores Norte, destacada no campo da investigación; e Ada Lovelace, considerada a primeira programadora da historia.
A actividade resultou un éxito rotundo, cunha gran participación e moita emoción ata o último momento. Ademais de fomentar o traballo en equipo e a resolución de problemas, serviunos para visibilizar o legado destas mulleres que marcaron a historia da ciencia.
Unha experiencia inesquecible que agradecemos a Escola de Enxenería de Minas e Enerxía.

