Con motivo do Día Internacional da Lingua Materna, a biblioteca acolleu a actividade A fala de Vigo: Encontro con Xosé Henrique Costas González, unha cita moi especial arredor da nosa lingua. O autor, recoñecido filólogo e profesor da Universidade de Vigo, compartiu co público a orixe do seu libro A Fala de Vigo, que xurdiu a petición da Asociación Faladoiros de Vigo, interesada nunha charla sobre esta variedade tan singular.
Durante o encontro descubrimos que esta fala única se sitúa xeograficamente no Val do Fragoso e que pode dividirse en tres zonas diferenciadas pola orografía e a hidrografía: Fragoso Norte, Fragoso Sur e Fragoso Mixto. O relator explicou algunhas das súas características máis salientables, como a prosodia propia, cunha curva melódica circunflexa nas frases interrogativas, ou o seseo específico da zona de Ceboleira-Lavadores.
Tamén afondou na morfoloxía característica, diferenciando o “nós” de “nosoutros”, sendo este último un subconxunto dun “nós” máis amplo. Ademais, puxo en valor o amplo léxico e a fraseoloxía propia da zona, transmitida xeración tras xeración. Foi unha actividade participativa e enriquecedora que nos convidou a reflexionar sobre a importancia de coñecer, defender e dignificar as nosas variedades locais como parte esencial da identidade viguesa.
