Hoxe acompañounos na Hora dos contos a gran Paula Carballeira, para achegarnos unha chea de historias nas que os animais foron os protagonistas.
Así soubemos de como o lobo, o morcego ou a curuxa quixeron botar a unha vella que vivía no bosque á que consideraban unha intrusa, pero que foi quen de demostrar que merecía todo o seu respecto. Tamén o conto dun pequeno morcego que unha noite decidiu que quería ver cómo era o día e non lle gustou o que descubriu, porque en realidade non hai nada mellor que ser un animal da noite que é quen de voar ata cos ollos pechados. E mesmo descubrimos o valentes e bravas que eran dúas pitiñas, capaces de salvarse das gadoupas dun gato lambón. Para rematar, deixamos que os contos marchasen, agardando a que os volvamos a atrapar na vindeira sesión!