Dentro das charlas divulgativas que organiza a Biblioteca, quixemos poñer en valor a importancia dos oficios e sumámonos á celebración do día Internacional do Ceramista, co fin percorrer a historia e a tradición da cerámica ao redor das principais olerías no estado español.
Tivemos o pracer de contar coa presenza dun gran coñecedor en materia cerámica e neste caso de olería, como é Miguel Vázquez. No ano 1986 foi o encargado de poñer en marcha da especialidade de cerámica na escola de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) e exerceu o seu labor docente ata o ano 2022. Dita faceta relacionada co ensino estivo sempre acompañada polo seu proxecto artístico. Cabe resaltar que o seu traballo persoal é recoñecido con bolsas e premios tanto nacionais como internacionais e figura en numerosas coleccións tanto privadas como públicas.
Miguel Vázquez introduciunos, mediante unha linguaxe visual, ás principais olerías en activo no estado español e algunhas extintas pero de gran interese.