by Biblioteca Neira Vilas | Mar 21, 2025 | Contacontos, Público Adulto
Esta tarde seguimos a nosa programación de Contos Dakí, aínda que contamos coa presenza da borrasca Martinho, o público non deixou de asistir para escoitar a un dos grandes narradores da cultura galega.
Nesta sesión comezamos co oficio máis antigo do mundo enlazando con historias relacionadas co pavillón Lino da Coruña, en versión Quico Cadaval e verión Manolo Rivas; sen deixar de coñecer a infinidade de personaxes como "Manuel de Mos", o "Borrachón de Corme", ou a relación da cupletista "Raquel Meller" e as "Hermanitas Desamparadas"; quedando claro que ante algún problema o que hai que dicir é “Cultura y no joderla”.
A música correu a cargo da orquestra "Nuevas Ideas" de Corme.
by Biblioteca Neira Vilas | Mar 14, 2025 | Contacontos, Público infantil
A Hora dos Contos é unha actividade que enche a nosa biblioteca de risas e imaxinación. Nesta ocasión, o narador Pablísimo trouxo o espectáculo Cabicivai, unha sesión chea de sorpresas, onde unha bicicleta, un Kamishibai e tres caixóns fixeron que a maxia non parase.
Pablísimo presentou un espectáculo baseado na literatura infantil, mesturando contos clásicos e propios. Nesta sesión, as nenas e nenos viaxaron por todo o mundo: desde a India co tigre de Bengala, ata Portugal con Sopa de Pedra, pasando por Alemaña co conto de Hamelin.
A actividade foi moi divertida e participativa, con elementos como o tangram, o Kamishibai e até a tradición dos contos de cego. E para pechar a xornada, cantamos xuntos co Bocinómetro, creando un ambiente cheo de emoción e diversión. Sen dúbida, unha tarde chea de historias e maxia que todos e todas gozaron moito!
by Biblioteca Neira Vilas | Feb 28, 2025 | Contacontos, Público Adulto
O pasado venres, a biblioteca acolleu unha nova sesión do ciclo Contos Dakí, que trouxo á nosa biblioteca á narradora Bea Campos, quen con con gran mestría compartiu co público contos cheos de humor, pero tamén cheos de profundidade e reflexión. As súas historias falaban da vida, das súas vivencias familiares e do seu pobo, ofrecendo unha mirada íntima e humana da realidade do noso tempo. As súas palabras fixeron rir, pensar e, sobre todo, conectar ao público coa tradición oral, nunha xornada de contos que mesturaban a retranca galega e os pequenos detalles da vida cotiá.
Contos Dakí segue sendo unha cita imprescindible para aqueles que desexan gozar das mellores historias e dos/as mellores contadores/as .
Non faltedes á próxima sesión na que nos visitará Quico Cadaval!
by Biblioteca Neira Vilas | Feb 21, 2025 | Contacontos, Público infantil
“Casa, casiña, casona”
Neste espectáculo coñecemos ao redor de casas grandes, diminutas, casas que caben na man, casas-zapato, casas de fío, casas-maleta a casa ao pé da pedra furada, o pozo dos desexos e a diferente animaliños...
Pum, pum!
Quen é? Quen chama á miña casa, casiña, casona?
Teño tetos e un rabo e moito me gusta a herba do prado.
Un sesión de contos a través da lingua galega, dos primeiros cantos, xogos, cancións de dedos, trabalinguas, arrolos, poemas… que forxan os cimentos da casa que construimos ao longo das nosas vidas.
E sobre todo aprendimos que “nesta vida hai cousas que non se compran con cartos”.
by Biblioteca Neira Vilas | Xan 31, 2025 | Contacontos, Público Adulto
A biblioteca viviu unha noite máxica dentro do ciclo CONTOS DAKÍ, cun cheo total da sala e un público entregado. Nesta ocasión, tivemos a sorte de contar unha vez máis co narrador Dani Blanco, que nesta visita veu acompañado do músico acordeonista Zé Pumar.
"Disque cando unha bolboreta axita as súas ás en Australia, pode provocar un furacán en América. A tamén chamada teoría do caos. Mais a revolución do caos non chega cunha bolboreta: chega con Neira Vilas e as súas Memorias dun neno labrego. A partir de aí, xa non hai volta atrás". Así é como comenza esta fermosa sesión de contos.
Nun percorrido cheo de historia, humor e música, Dani Blanco transportounos desde Bos Aires ata a caída do muro de Berlín, pasando polas barricadas de París en maio do 68, a chegada dos Tamara á sala Olympia, as teorías de Lacan, e mesmo un boxeador ruso afincado en Cangas. Todo isto acompañado da música de Brassens, que puxo a banda sonora desta viaxe irrepetible.
Unha noite de narración oral inesquecible que fixo as delicias do noso público. Moitas grazas a Dani Blanco e Zé Pumar por esta velada única!
by Biblioteca Neira Vilas | Xan 24, 2025 | Contacontos, Público infantil
Unha nova sesión da Hora dos Contos na que da man de Raquel Queizás gozamos dun pase de cinema mudo inspirado en contos clásicos e literatura marabillosa. As crianzas e as súas familias descubriron como moitas das personaxes máis coñecidas do cine naceron nos libros, e como as películas nos axudaron a coñecer estas historias cheas de aventuras, maxia, humor, misterio e imaxinación. Con filmes como Alicia no País das Marabillas, O Mago de Oz, Polgariño ou Peter Pan, exploramos personaxes infantís que reflexionan sobre o mundo, a amizade, a igualdade ou o respecto polo diferente. Foi unha experiencia para celebrar a conexión entre literatura e cine, amosando que ambas as artes alimentan a creatividade dende a infancia.