Como clausura para as xornadas do ciclo de cine, contamos coa actuación de Trilitate; último concerto antes da gravación do seu terceiro álbum
Moitas Grazas a Elena, Marcos, Rubén e Laura por facernos gozar coa vosa música e videocreación.
Trilitrate
Violín: Elena Vázquez
Acordeón: Marcos Padrón
Guitarra: Rubén Abad
Videoarte: Laura Iturralde
Trilitrate é un proxecto que abrangue música acústica e videocreación en tempo real; trátase dunha composición colectiva que ten como finalidade crear algo persoal e inédito. Esta formación crea sons descoñecidos que desafían calquera categoría e abren novos sendeiros na música acústica. Esvaecen as liñas existentes entre a composición e a improvisación, revelando influencias de estilos tan afastados entre si como poden ser a música clásica, a improvisación libre, o hardcore, o post-rock ou o noise. Interpretan ademais música étnica orixinal dentro dun universo propio. Esta atmósfera complétase mediante estímulos visuais orixinados en tempo real.
Trilitrate formouse en Vigo no ano 2012 pola violinista Elena Vázquez (Cuarteto Dumka, Peña, Suelen Estar Quartet), polo acordeonista Marcos Padrón (Orquestra O.M.E.Ga, Cuarteto Caramuxo) e por Rubén Abad na guitarra e na voz (Cró!, Es Un Árbol, Guerrera). No 2013 incorpórase a videoartista Laura Iturralde e realizan a grabación do seu primeiro disco: Faláchesme na Man. Tras dous anos frenéticos de festivais, actuacións e colaboracións, a súa actividade compositiva culmina a finais do 2016 coa publicación de Frutal Death, segundo larga duración da banda. Os catro integrantes propuxéronse sobrevoar e despois destruír todos e cada un dos estilos, elaborando unha líña única, aderezada ademais por un sentimento salvaxe de independencia. Cincuenta minutos de pezas profundas, enérxicas, persoais, funcionan como testemuña da incrible creatividade do cuarteto galego, que se dilata en dous anos de presentación de disco. Actualmente, embarcados na composición e elaboración do seu terceiro disco, mergúllanse en timbres tan afastados do mundo acústico como a electrónica ou o black metal, sen abandonar as súas ferramentas analóxicas. Visitan xeografías musicais distantes como a africana ou a otomá, e traspasan a experiencia barroca e impresionista ao século XXI, ousados e inquebrantables á procura de novas sonoridades, acadando fronteiras endexamais atravesadas neste paso de xigante da agrupación.