A historia comeza cando Helene Hanff envía a súa primeira carta a Marks&CO, dende New York ata Londres, para solicitar libros de segunda man. Vinte días despois Marks&CO resposta e establécese entre eles unha comunicación vía postal que vai durar vinte anos. O que comeza como unha mera transacción empresarial, acaba converténdose nunha relación epistolar na que os protagonistas van amosando as súas vidas a través das cartas, e vivindo momentos históricos a ambos lados do océano.
A escritora revélanos pouco a pouco a súa personalidade e a relación tan especial que establece con Frank Doel, empregado de Marks&CO, e seguidamente co resto do equipo da libraría. Así, esta historia ilustra a empatía e confianza que pode xerarse entre persoas que nunca chegarán a coñecerse en persoa.
En xeral, o grupo atopou a lectura moi gratificante, descubrindo un estilo diferente que nos permitiu empatizar coas personaxes e querer saber máis das súas vidas, porque non hai que esquecer que todo o contado pertence a vidas reais.
Trini Puentes Coordinadora do club