Iniciamos esta nova andaina do noso Club de lectura coa mellor das lecturas posibles: El infinito en un junco de Irene Vallejo, obra catalogada como ensaio aínda que para min máis próxima a un libro de viaxes. A través do espazo-tempo, a autora vai recreando a viaxe do coñecemento humano, ou o que foi o mesmo ata hai ben pouco: a viaxe dos valiosos recipientes onde se gardaba: o libro.
Para min, que por formación e profesión en certa medida xa estaba familiarizada cos feitos que aquí se contan, a súa lectura foi unha travesía chea de sorpresas de principio a fin reafirmándome nunha idea que na actualidade parece esquecida: a información sen un punto de vista que lle dea corpo é algo completamente inútil, incluso perverso. Igual que Google ou centos de investigacións precedentes de profesionais da filoloxía, o que ofrece Irene Vallejo é unha extensa información sobre a viaxe do coñecemento. A diferenza de Google ou centos de investigacións precedentes faino dende un lugar propio, o seu: o dunha escritora magnífica namorada dos libros, das palabras, das librerías, do acto sagrado de ler. E con esta mestura de amor, intelixencia e coñecemento agasállanos coa posibilidade que habitar durante unhas horas os tempos e os espazos onde isto comezou a facerse posible.
Para as persoas que integran o Club, a obra foi en xeral moi gozada e ben valorada, con algunha excepción. A favor: as sorpresas por datos, contextos, persoaxes e ideas que non coñeciamos, o xeito exquisito de escribir, a ponte tendida de xeito permanente entre presente e pasado. En contra: é tanta a información e tan interesante que o libro faise longo para unha viaxe continuada, quizais máis idóneo para pequenas paradas.
Desde logo a min que un libro así sexa un bestseller devólveme algo confianza na humanidade.
Marila Ruíz Coordinadora do club