Na nosa cita mensual cos Contos Dakí, e en véspera do Día Mundial do Teatro, visitounos un dos grandes da escena galega: Avelino González.
E estando en tempos de pandemia era inevitable falar do virus… se o virus fose xente saberíamos mellor como tratalo, pero o virus non é xente, é discreto, aprende e adáptase silencioso ás circustancias sen queixarse… Pola contra, nós, a xente, sempre buscamos a forma de botarlle a culpa dos nosos problemas ós demais. Por iso Deus viulle moita utilidade ó Home que un día decidiu crear San Pedro, que era cuspidiño a nós pero ó que lle faltaba corazón…
As historias fóronse mesturando unhas con outras, foron levándonos dun sitio a outro, ata acabar na pel dun pitiño no medio dunha bosta de vaca que aprendeu en pouco tempo tres leccións de vida: Non sempre o que te mete na merda faino por mal, non sempre o que te saca dela é polo teu ben, e a última, se te ves no medio da merda, ás veces é mellor non dar un chío.