Aínda que o refrán di que “en abril, augas mil”, este mes poidemos gozar da sesión de Contos Dakí ao calorciño na nosa terraza, na compaña inestimable de Brais das Hortas, que nos trouxo o seu repertorio de contos de defuntos.
Así foi como coñecemos historias de mozos que non puideron escapar da morte ou de vellos que en plena extrema unción levantábanse para berrar “alma ponte quieta, e non lle fajas caso ó cura”. Tamén contos de trasnos, de bruxas que tiñan que ir de Aquelarre a Sevilla, de amigos que “asaltan” cemiterios cando volven da festa ou da Santa Compaña 2.0, e é que os tempos cambian para os vivos e tamén para os mortos!