Na nova sesión de Contos Dakí, o ciclo de contacontos para público adulto da biblioteca, vivimos unha tarde inesquecible. A sesión de febreiro tivo unha acollida espectacular: a biblioteca estaba co aforo completísimo e o ambiente cheo de expectación e ganas de escoitar boas historias.
Nesta ocasión visitounos Celso Fernández Sanmartín, quen comezou presentándose e compartindo lembranzas da súa infancia. Entre risas contou que era tan mal xogador de fútbol que xa nin sequera o escollían de último, como lle pasaba a moitos nenos. No seu caso, directamente deixábano de banderín, unha anécdota que provocou as primeiras gargalladas do público.
Ao longo da sesión, Celso foi enlazando historias e contos cheos de humor e retranca. Falou, por exemplo, de dentistas e de diferentes anécdotas sobre persoas que perderon dentes —e mesmo dentaduras postizas— mentres comían un simple anaco de pan. Cada relato ía acompañado do seu xeito único de contar, capaz de transformar pequenas historias cotiás en momentos memorables.
Pero o noso público é xa tan fan destas sesións que mesmo se permite facer peticións. Así, alguén lle pediu que contase a historia de cando era pequeno e foi á praia coa súa familia. Celso, como non podía ser doutro xeito, aceptou o reto e regalounos outra desas historias que fan que cada sesión de Contos Dakí sexa especial.
