Na biblioteca volvemos a gozar cunha nova sesión de Contos Dakí, desta vez da man de Celso Sanmartín. A velada foinos levando dun tema a outro, dende os métodos da logopedia tradicional como eran os trabalinguas (repitan: debaixo dunha pipa tinta hai unha pita pinta; cando a pipa tinta pinga, a pita pinta pía), a historias da emigración, tamén desa que despois da guerra volveu das cidades ás aldeas sen saber distinguir ben unha ovella dunha lebre. Polo camiño fóronse metendo tamén contos de curas, historias de misterio e coplas e cantigas acompañadas do son da pandeireta.
E como deberes para a casa, unha frase para reflexionar: “O segundo vaso de auga nunca sabe igual que o primeiro”.