Co gallo da celebración o 11 de febreiro do Día da Muller e a Nena na Ciencia, dende a biblioteca achegámonos todos os anos ao traballo que numerosas mulleres están a desenvolver en Galicia dentro do campo das STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Nesta ocasión acompañounos a doutora en bioloxía Eva Candal, coordinadora dun grupo de investigación NEURODEVO da Universidade de Santiago de Compostela, que se centra no estudo do desenvolvemento e evolución do sistema nervioso central e nas causas de diversas enfermidades neurodexenerativas do encéfalo e da retina.
Como se do Conto de Nadal de Charles Dickens se tratase, asomámonos á historia do pasado, do presente e do futuro da investigación no eido da reprogramación celular, que permite que calquera célula especializada madura poida ser reprogramadas para converterse nuha célula pluripotente capaz de desenvolverse en calquera tecido do corpo. Isto abre numerosas posibilidades ante a comunidade científica, que ten ante si un reto apaixonante no que todavía queda moito por andar. Nesta liña, o grupo NEURODEVO da USC estuda a reprogramación das neuronas en peixes, un paso crítico para poder substituír as neuronas que se perden nas enfermidades neurodexenerativas asociadas á idade.