O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, unha data na que se pretende poñer en valor o labor destas institucións.
Así, baixo o lema deste ano, “Tecendo Comunidades”, quixemos destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades, entendéndoas como espazos de encontro que conectan aos nosos/as usuarios/as creando redes de apoio e colaboración, fomentando a participación e o diálogo cidadán, facendo accesible a cultura e o coñecemento a toda a poboación, independentemente da súa idade, xénero, raza, lugar de residencia…
Neste contexto, as bibliotecas xogan un papel esencial no fomento da democracia, garantindo o acceso universal á cultura e á información e, por suposto, erixíense como férrea defensa ante a censura, defendendo o dereito da cidadanía a acceder a materiais diversos sen censurar nin eliminar libros ou recursos.
Por este motivo pareceunos oportuno organizar no Día das Bibliotecas este encontro con Vladimir Kosarevskiy, co que reflexionamos sobre democracia e censura nas bibliotecas e que nos achegou a terrible realidade que neste campo se está a vivir na Federación Rusa.
Ata o pasado mes de xaneiro, Kosarevskiy era director da biblioteca pública Anna Akhmatova de Moscú, unha das máis importantes e modernas da capital rusa, da que se viu obrigado a fuxir por negarse a destruír, tal e como lle esixían, os libros de autores ou temática LGBTI que albergaba na súa biblioteca por consideralos contrarios aos “valores tradicionais” do país. Unha realidade, a da censura, que tal e como nos expuxo vén de atrás, pero que se viu incrementada tras a lei contra a chamada “propanda LGTB” promulgada a finais de 2022, en plena conflito tras a invasión de Ucraína.
Unha historia de valentía e coraxe que agradecemos compartise con nós nunha data tan sinalada. Grazas tamén a Masha, que fixo as veces de tradutora e que conseguiu transmitirnos á perfección as ideas e pensamento de Vladimir.
Tradutora: Maria Chinginskaya