Para continuar coas celebracións do Día das Letras Galegas e coa colaboración do SNL do Concello de Vigo tivemos a sorte de contar coa representación “Arredor de Xela”. Un espectáculo de narración oral con manipulación de obxectos realizado por Raquel Queizás coma homenaxe á vida e á obra de Xela Arias.
Raquel púxose na pel de Xela para contarnos como foi a súa infancia nos anos 80, unha moza que ademais de escoitar rock, abría novos camiños, a través da poesía, na nosa literatura. Comprobamos como a súa paixón pola escritura agromou nela dende moi pequena e como o seu compromiso coa súa lingua levárona a ser poeta, editora, tradutora e mestra.
Para finalizar xogamos a inventar palabras e transformalas en outras categorias gramaticais ao modo no que Xela Arias xogaba coa lingua.