O 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de promocionar os libros e a lectura entre o público máis novo.
E para festexalo este ano contamos coa nosa amiga Ana Facchini que contou e cantou unha chea de historias de animais, como a Verdadeira Historia da vaca Vitoria que non tiña nada claro se era unha vaca ou unha serpe ou un galo.
Foi unha xornada moi agradable onde poidemos gozar, ademais dos contos, da caloriña do sol xa que inauguramos a tempada de contos na nosa Terraza Líber.
Cada ano, unha sección nacional do IBBY ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil e selecciona un escritor representativo e a un recoñecido ilustrador do seu país para que elaboren a mensaxe dirixida a todos os nenos e as nenas e o cartel que se distribúe por todo o mundo, e se promova a celebración nas bibliotecas, centros escolares, librerías, etc.
Este ano correspóndelle á sección de Estados Unidos ( USBBY), que difunde a mensaxe da escritora Margarita Engle (co título de «A música das palabras»), ilustrada por Roger Mello
A MÚSICA DAS PALABRAS
Cando lemos, á nosa mente médranlle ás.
Cando escribimos, os nosos dedos cantan.
As palabras son golpes de tambor e frautas na páxina,
paxaros voadores e elefantes trompeteiros,
ríos que flúen, fervenzas que caen,
bolboretas que viran
alto no ceo!
As palabras convídannos a bailar
ritmos, rimas, latexos do corazón,
cascos e bater de ás, contos antigos e novos,
fantasías e verdades.
Esteas cómodo na casa
ou atravesando veloz as fronteiras cara unha nova terra
e unha lingua estraña, as historias e poemas
perténcente.
Cando compartimos palabras, as nosas voces
vólvense música do futuro,
paz, alegría e amizade,
unha melodía de esperanza.
Escrito por Margarita Engle
Ilustrado por Roger Mello
Traducido por María Canosa