Cada ano, en torno ao 27 de xaneiro, a UNESCO rende tributo á memoria das vítimas do Holocausto e ratifica o seu compromiso de loitar contra toda forma de intolerancia que poida conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos.
Dende a Biblioteca Neira Vilas quixemos sumarnos a este tributo cunha charla ofrecida por Antonio Muñoz arredor dos españois e, en concreto, dos veciños de Lavadores que foron vítimas nestes campos de concentración.
Antonio Muñoz é historiador e traballa no Instituto de Ciencias Sociais da Universidade de Lisboa. O seu principal tema de investigación son as relacións entre Alemaña e España durante o franquismo e a transición. Antonio tamén investigou sobre os españois que emigraron a Alemaña nos anos sesenta e agora investiga outros emigrantes, aqueles que foron traballar a Alemaña durante a 2ª Guerra Mundial.
LAVADORES NA ALEMAÑA NAZI
Durante a Segunda Guerra Mundial, máis de 10.000 mozos emigraron da España de Franco á Alemaña de Hitler. Uns 750 eran galegos, a maioría de Vigo e comarca. Traballaron por todo o Reich en ferrocarrís, industrias químicas, en fundicións e mesmo en panaderías. Polo menos vinte destes galegos morreron por enfermidades, accidentes ou por efecto das bombas aliadas. Entre os que volveron a Galicia, que saibamos, non houbo quen escribise as súas memorias.
Na súa presentación Antonio Muñoz falounos das ducias de veciños de Lavadores que traballaron en Alemaña. Emigraron cando eran só adolescentes, e é posible que algúns aínda anden polas nosas rúas.
Podes axudarlle a reconstruír esta faceta descoñecida da historia de Lavadores? Se coñeces a algún destes veciños podes poñerte en contacto coa biblioteca.
NOME | NACEMENTO | RESIDENCIA |
---|---|---|
CASIMIRO ABAL DARRIBA | 1923 | |
FLORIANO ALMÓN RIVEIRO | 1916 | |
OLIMPIO ALONSO GROBAS | 1923 | IGREXA |
MANUEL ÁLVAREZ ROMÁN | 1925 | |
JOSÉ BASTOS FERNÁNDEZ | 1900 | GRAN VÍA, 73 |
EDMUNDO BASTOS COSTAS | 1925 | GRAN VÍA, 73 |
JESÚS CAL COMESAÑA | 1919 | |
RICARDO CAMPILLO GARCÍA | 1911 | |
JOSÉ DOMÍNGUEZ FERNÁNDEZ | 1924 | S. XOAN DO MONTE |
ÁNGEL FERNÁNDEZ MARTÍNEZ | 1912 | |
EUGENIO GONZÁLEZ FERNÁNDEZ | 1923 | POMBAL (CALVARIO) |
ENRIQUE IGLESIAS CAMESELLE | 1923 | PARDAVILA, 16 |
MANUEL MIGUÉLEZ | 1924 | BARRIO DA ROLA |
BENJAMÍN NIETO GÓMEZ | 1923 | CASAL |
CESÁREO OLIVEIRA RIVAS | 1918 | FREIXEIRO |
JOSÉ OLIVEIRA FREITAS | 1920 | RÚA RIOMAO |
MANUEL PARCERO CASTAÑO | 1920 | RÚA COUTADAS |
MANUEL ROMÁN ÁLVAREZ | 1925 |