O pasado 13 de setembro tivemos o pracer de inaugurar as nosas terrazas de verán na compaña de Elba Pedrosa.
Licenciada en Ciencias da Información, Elba é, ademais de escritora, comunicadora e actriz. Publicou o seu primeiro libro en 2018, un ensaio sobre o pensamento creativo (Despertando la creatividad), un campo ao que adicou boa parte da súa carreira profesional. No ano 2020 saíu do prelo a súa primeira novela, O que non sabías, e en 2022 Agora que cala a noite. Este 2024 vén de publicar o poemario Des A Mar ultrasónico, que dá nome tamén a un recital poético musical no que os seus versos dialogan coas melodías do compositor Álvaro Iglesias.
Durante o encontro tivemos ocasión de coñecer polo miúdo como foi po proceso creativo das súas obras, saber que inspirou as súas tramas ou descubrir detalles sobre as súas protagonistas, mulleres sempre fortes e decididas que son quen de tomar as rendas da súa vida. Reflexionamos tamén sobre a violencia machista, moi presente nalgunha das súas historias, e sobre o papel da muller na sociedade actual, o que dou pé a un interesante e enriquecedor debate co público asistente.
Como broche a esta marabillosa velada, a propia Elba recitounos un dos poemas do seu último libro:
Mentira
Podería ser tamén eu unha mentira.
Un son que chama de balde pola túa memoria,
e de súpeto viaxas a un lugar máis feliz.
Un aroma arrecende dende o sillón do faiado
e lembras o instante prohibido nesta praia azul.
Des A Mar ultrasónico