Unha vez máis na nosa biblioteca, os contos cobran vida con “Entre arrolos e contiños”, unha actividade deseñada especialmente para bebés a partir de 1 ano e as súas familias. Este mes, gozamos dunha marabillosa sesión de contacontos con Bea Campos e Jony de Migallas Teatro, quen nos regalaron momentos cheos de tenrura e aprendizaxe.
A través de historias como Cores de Antonio Rubio e Leo Lionni, o clásico Garavanciño e Violín, tamén de Antonio Rubio e Óscar Villán, os máis pequenos exploraron cores, sons e emocións, mentres as verbas e as cancións fluían, os bebés descubriron o pracer de escoitar, imaxinar e compartir en familia.
“Entre arrolos e contiños” é moito máis que unha actividade; é unha invitación para fortalecer vínculos e sementar o amor pola lectura desde os primeiros anos.
Esperámosche na próxima sesión para seguir soñando xuntos!