Data/hora
Data(s) - 11/12/2020
Hora 18:00 - 19:00
A hora dos contos: Raquel Queizás
A hora dos contos é un proxecto de animación á lectura no que nos visitan diferentes artistas coas súas maletas cargadas de historias, co fin de fomentar entre o público máis pequeno o gusto polos libros e a lectura. Este mes de decembro visítanos Raquel Queizás con Raposadas.
Raposa é moi lista, é moi curiosa. Gústalle vivir libre no monte mais tamén achegarse á aldea para ver xogar ás nenas e aos nenos e escoitar os contos que lles contan na lareira.
Canta o galo, sae o sol. A raposa feliz achégase á aldea cantaruxando unha melodía. Vai visitar á galiña para que lle ensine adiviñas, vai escoitar os contos da señora Lela que vive preto da escola. Agarda polas nenas e nenos para xogar con carozos de millo, con paus e con pedras. Vaille botar unha carreira ao sapo e aprender con el traballos do campo.
Xa se pon o sol, a raposa ten que marchar e para despedirse dela todos póñense a danzar.
Quen danzou por aquí?
Colleita de contos populares de animais de tradición oral da nosa terra, que alimentaron, alimentan e alimentarán a moitas nenas e a moitos nenos galegos.
Os contos de tradición oral seleccionados están protagonizados por animais personificados que se debaten entre o uso da forza bruta e o uso da intelixencia para a resolución de conflitos. Moitos destes contos, ademais de mostrarnos as características que definen a cada animal, buscan describir e explicar unha forma de vida fomentando o respecto pola natureza. Axudan a coñecer a contorna natural e familiar que nos fai pobo a través da nosa lingua, os nosos contos, as nosas adiviñas, os nosos xogos e as nosas cancións.
Prazas:
Aforo limitado.
Idade:
A partir de 3 anos.
Inscrición:
A partir das 10.30 h do 1 de decembro
Os interesados en participar nesta actividade poden formalizar a súa inscrición a partir das 10.30 h do 1 de decembro. A inscrición pode facerse de forma presencial na biblioteca, mandando un correo electrónico a bpneiravilas@vigo.org indicando os seus datos (nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono e correo electrónico) ou ben a través do teléfono 986 267 759. A actividade é gratuíta e as prazas cóbrense por orde de inscrición.
Normas das actividades:
Tomaránse as medidas sanitarias precisas seguindo as normativas vixentes
-Uso obrigatorio de máscara
-Uso do xel hidroalcohólico
-Facer previa inscrición
-Separación entre os grupos de 1,5m
-Aforo limitado
As persoas que non cumpran coas normas sanitarias deberán abandonar a actividade.
Se as condicións metereolóxicas son adversas estas actividades poden adiarse, manténdose as inscricións.
Ubicación
Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas