O pasado 12 de marzo, a biblioteca acolleu a mostra de fin de curso do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV), unha actividade organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo que puxo en valor a forza da narración oral e da palabra compartida. O acto contou coa participación do alumnado do curso de narración oral impartido por Cris de Caldas e Dani Blanco, así como co público que se achegou á biblioteca. A xornada foi aberta pola concelleira de Normalización Lingüística e Educación, Olga Alonso, quen destacou a importancia da transmisión oral e do papel das historias na preservación da lingua e da memoria colectiva. A continuación, Cris de Caldas compartiu un breve conto que serviu para introducir ao público no universo da narración oral e para axudar a relaxar ás participantes que se estreaban sobre o escenario. As protagonistas da mostra foron as alumnas Ofelia, Lita e Rosa, que ofreceron tres historias moi diferentes, cada unha co seu propio estilo e sensibilidade. Ofelia trasladou o público ao Ourense dos anos sesenta coa historia da creación da Cidade dos Muchachos de Benposta, un proxecto sorprendente no que a infancia era protagonista e no que se imaxinaba unha comunidade baseada na participación e na responsabilidade compartida. Pola súa banda, Lita achegou unha historia máis recente e ligada á realidade social: o relato de como un labrego, co seu tractor, acendeu a chispa da mobilización do pobo leonés contra a instalación das macrogranxas. Finalmente, Rosa levou o público ao territorio do fantástico cunha lenda da tradición oral galega protagonizada por unha xacia de profundos ollos negros, traizoada polo amor dun home e marcada pola súa vinganza.

